'Petra' deixa en Pontevedra fortes ventos, chuvias intensas e numerosas incidencias
Aos poucos o temporal 'Petra' abandona as Rías Baixas. Deixa ao seu paso un reguero de incidencias no Concello de Pontevedra, aínda que por sorte, ningunha de especial transcendencia. Os principais danos causados polo forte vento, que chegou a alcanzar os 68,4 km/h, e polas intensas precipitacións rexistradas, máis de 45 litros por metro cadrado, producíronse en Echegaray, a Avenida de Marín e o barrio de Campolongo.
Os servizos de urxencias de Pontevedra, en alerta vermella polo temporal, multiplicáronse para atender a todas as chamadas que recibiron nas últimas horas. Moitas delas chegaron da rúa Echegaray, onde Policía Local e Bombeiros tiveron que cortar o acceso ao tráfico rodado, entre as 17.00 e as 19.30 horas aproximadamente, polo desprendemento das chapas dun edificio. Só se permitía o acceso peonil ás vivendas da zona.
Os Bombeiros tardaron en asegurar a zona xa que debido ao forte vento non podían traballar no edificio para retirar os elementos que ameazaban con caerse. Unha intervención similar tiveron que realizar en Paseo de Colón, no campus de Pontevedra e nas inmediaciones do edificio da Xunta de Galicia en Campolongo, neste caso xa durante o mediodía. Os seus arredores tiveron que ser acordoados e prohibiuse o acceso por un dos seus laterais.
Do mesmo xeito que o pasado luns, a Autovía de Marín foi outra das zonas máis afectadas. De novo tívose que cortar o tráfico rodado entre ambas poboacións ao coincidir a preamar, sobre as 18.00 horas, cos efectos do temporal. Chegouse a inundar de novo a estrada nas inmediacións da fábrica de Ence, aínda que nesta ocasión ningún coche quedou atrapado coa subida da marea, precisamente por cortar o acceso previamente.
Ademais, en numerosos puntos do municipio producíronse episodios de árbores caídas, uralitas danadas, tezas que caeron á vía pública e pequenas inundacións que non provocaron danos persoais. Tamén o valado que protexía os xardíns da Praza de España acabou derribado polo efecto do forte vento.
NOVAS BORRASCAS
A tranquilidade que deixa 'Petra' tralo seu paso por Pontevedra non durará moito. Segundo informa Meteogalicia, esta noite e a do mércores o vento volverá soprar con forza, aínda que non tan forte como esta xornada, e prevese alcanzar os 80 quilómetros por hora, lonxe dos 153 rexistrados este martes en Xesteiras (Cuntis). En concreto,empeorará a situación no mar, polo que se decretou a alerta vermella por ondas de máis oito metros de altura.
En terra a situación normalizarase ata o xoves, día no que está previsto o paso da borrasca 'Qumaira', pola que se activará a alerta laranxa por vento que pode superar os 100 quilómetros por hora. Segundo o servizo de predicción da Consellería de Medio Ambiente, aínda que esta se prevé intensa, non se espera que o vento sopre tan forte como este martes. Xa para o venres, espérase o paso doutra borrasca, de nome 'Ruth'.
Relacionadas:
-
Ruth apenas se deixa notar en Pontevedra ao rexistrarse só varias incidencias menores
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
O xoves suspenden todas as actividades exteriores nos colexios polo temporal
Por Redacción |
-
A Avenida de Cambados en Vilagarcía, inundada polas chuvias
Por Redacción & Aitana Vidal |
-
Educación suspende todas as actividades escolares no exterior polo temporal
Por Redacción |
-
Pontevedra blíndase ante o temporal e activa a alerta vermella no municipio
Por Alejandro Espiño |