"Camiño despexado" para que a reforma da Rúa Santiña comece "en xaneiro ou febreiro"
Por Alejandro Espiño
Civis Global será a empresa que execute a ansiada reforma da Rúa Santiña. A súa foi a proposta elixida pola mesa de contratación municipal, que analizou a seis ofertas presentadas a este proceso de licitación.
A compañía acometerá estas obras por un importe de case 1.812.000 euros, o que supón unha notable rebaixa con respecto ao prezo de licitación, fixado inicialmente en 2.160.000 euros.
O edil César Mosquera explicou que, unha vez que a empresa entregue toda a documentación requirida para formalizar o contrato, estará o "camiño despexado" para adxudicar estas obras antes de que finalice este ano.
Os traballos sobre o terreo, segundo as previsións do Concello, poderían comezar "en xaneiro ou febreiro". A actuación afectará a uns 800 metros da Rúa Santiña, cunha superficie duns 6.600 metros cadrados, que pasarán a contar con preferencia peonil.
A intervención que está pensada en dous tramos: o primeiro, entre o cruzamento coa avenida da Coruña e a rúa Valentín Paz Andrade, terá un carácter máis urbano debido á presenza de bloques de vivendas; e o segundo, cun carácter máis rural, ata o cruzamento coa Rúa da Gándara.
A nova Santiña terá un pavimento en formigón continuado en toda a rúa para unificar a intervención. Dispoñerá de arboledo para facer máis brando o percorrido. Terá mobiliario urbano como bancos, cadeiras e conservará a fonte existente. A iluminación será a través de báculos e farois suxeitas en fachadas.
Un dos traballos principais da obra será a substitución de todos os servizos soterrados da rúa: abastecemento, saneamento, servizo eléctrico, gas e telecomunicacións.
Mosquera mostrou a súa satisfacción por poder desatascar esta obra, ao ser a Rúa Santiña o "último tramo significativo" do Camiño Portugués que quedaba por reformar en Pontevedra.
Relacionadas:
-
O Concello e Civis Global asinan o contrato da reforma da Santiña
Por Redacción |
-
O Concello recorre a "vías excepcionais" para salvar os proxectos da Santiña e de cámaras de tráfico
Por Natalia Puga |
-
A contratación a reforma da rúa Santiña e a instalación de cámaras de tráfico e medidores ambientais
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma da Rúa Santiña sairá a licitación a próxima semana
Por Oskar Viéitez |
-
Queda atrapada co seu coche na Rúa Santiña queixándose da mala sinalización tras o rebentón dunha tubaxe
Por Diego Espiño |
-
O Concello de Pontevedra, "ate o moño" de Patrimonio pola paralización da reforma da rúa Santiña
Por Oskar Viéitez |