"Na Brilat haberá adaptacións de equipo, pero non van supoñer un problema de persoal"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Dende que o 8 de xaneiro o xeneral Luis Cebrián Carbonell tomou posesión como novo xefe da Brilat dedicouse a coñecer a fondo o seu funcionamento e unha situación que marcou a actualidade da Brigada dende o ano 2008, o enfrontamento cos comuneiros. Négase a falar de conflito, "habería que erradicar esa denominación", e asegura que "a situación de choque entre a Brigada e os comuneiros xa está superada".
Leva xa unhas semanas ao mando da Brilat, xa tivo a oportunidade de coñecer o seu funcionamento. Encontrouse a Brigada que se esperaba? Sorprendeuno algo?
A unidade non me sorprendeu porque xa a coñecía. Tiven a sorte que fun relevado en dúas operacións por continxentes da Brilat, no Líbano e en Afganistán e sabía da calidade e do nivel desta unidade e dos seus compoñentes. Esperaba moito e encontreime o que me esperaba e mesmo máis. Encontrei unha magnífica unidade composta de magníficos soldados, moi profesionais e moi competentes.
Sendo tan boa a unidade, terao complicado para mellorala. Que retos se marca nesta nova etapa?
Sempre hai retos. O primeiro é nestes momentos de transición adaptar a Brigada ao novo modelo operativo que se deriva das declaracións do Xefe do Estado Maior da Defensa e do ministro de Defensa, a adaptación ao modelo de brigadas operativas polivalentes, e haberá que adaptar esta brigada en canto a integrar novos equipos, novos materiais, novos procedementos de emprego e logo estamos no proceso de incorporar a todo iso as leccións aprendidas dos últimos conflitos e en concreto, e moi especialmente, o conflito de Afganistán.
Desas últimas declaracións do JEMAD que vostede menciona, dedúcese que se disolverán dúas brigadas e que a Brilat asumirá parte dese persoal.
En principio, na reestruturación, no que afecta á Brilat, e ata onde eu coñezo nestes momentos, co que hai agora mesmo programado, a transformación para esta brigada vai ser basicamente procedemental, de materiais e de equipo. Non debe supoñer un importante nin sequera un relevante cambio nas cifras de persoal. Nin está previsto que absorbamos novas unidades- polo menos continxentes de importancia- nin está previsto que perdamos tampouco a ninguén. En liñas xerais, os elementos orgánicos, as distintas unidades subordinadas que está previsto compoñan esta Brigada no futuro, son as mesmas que as que existen na actualidade. Por suposto, haberá adaptacións de equipo, pero non van supoñer un problema de persoal en canto a que non hai previsto que quede ninguén dispoñible ou cese no seu emprego por motivo dunha adaptación orgánica. Haberá pequenas transformacións que se irán absorbendo cos movementos naturais de cambio de destino que son propios do persoal militar.
"Tratamos de compensar con máis adestramento en zonas próximas o que tivemos que prescindir polos recortes no exterior"
Con este cambio orgánico xa dixo que non, pero cos recortes que está a poñer en marcha Defensa, podería verse afectada a Brilat dalgunha forma, en canto a medios ou a persoal?
En canto a unidades en principio non parece que esta brigada vaia ser afectada. En medios si imos incorporar novos medios materiais, fundamentalmente moitos que proveñen das operacións no exterior que se están a pechar e que se incorporarán ás unidades e que implicarán unha modificación nos procedementos e técnicas de operar. Respecto ao resto de recortes, loxicamente estamos suxeitos aos que o Goberno considerou necesarios que se traducen nun recorte de gastos correntes. Agora mesmo o que estamos é axustando a nosa preparación, o noso adestramento en optimizar os medios máis reducidos que temos de tal maneira que polo menos no curto ou medio prazo o impacto desa redución sexa mínimo. Tratando de compensar con máis adestramento nas zonas próximas o adestramento ao que tivemos que prescindir por razóns de recortes en zonas exteriores.
Pontevedra é moi pequena, hai moitas cousas que se comentan e sóubose que teñen restricións na gasolina.
As restricións veñen, loxicamente, en todos os gastos correntes, que é onde é máis posible axustar e temos restricións, polo tanto, en todos ámbitos de gastos correntes. O que estamos a facer é adaptarnos a esas restricións e tratando de superar o que no curto ou mesmo no medio prazo é posible manter esta situación tratando de que non diminúa o nivel de preparación, polo menos, de forma sensible. De todas as maneiras, esta é unha unidade lixeira, as unidades lixeiras caracterízanse porque os soldados adoitan ir a pé e de gasolina para os pés non temos ningunha restrición, podemos saír ao campo.
"A situación de choque entre a Brigada e os comuneiros xa está superada"
Chega a Figueirido nun momento no que practicamente se apagou a tensión cos comuneiros de Salcedo, Postemirón e Vilaboa pola titularidade dos terreos nos que se sitúa a base. Agora mesmo como ve que está o conflito?
Se imos denominalo conflito..., habería que erradicar esa denominación. Nestes momentos, na miña percepción, xa non hai conflito en canto que xa non hai choque. O malentendido ou os malentendidos no pasado, a situación de choque entre a Brigada e os comuneiros xa está superada. Agora mesmo, as relacións son cordiais, toda vez que se chegou a un acordo de principio, a un acordo no que os comuneiros viron satisfeitas as súas aspiracións e a Brilat encontra unha solución aceptable para permanecer en Pontevedra. Eu xa me reunín con dous presidentes de dúas comunidades de montes. Aínda teño pendente reunirme cos dous que me quedan e nese sentido non podo dicir outra cousa que a relación foi correcta e mesmo cordial e non encontrei máis que facilidades. En canto aos detalles, espero que nas próximas semanas ou meses isto xa quede resolto de forma permanente coa firma do acordo.
De cara ao exterior, na axenda da Brigada está este ano a súa primeira misión en Mali no segundo semestre. Empezou co adestramento específico?
Aínda non porque a previsión era que o calendario inicial se podería atrasar ata final de ano. En calquera caso, esta sería unha estimación provisional. En liñas xerais si estamos a preparar a misión en canto a que a nosa preparación é un continuo dirixido a prepararte para as operacións e, en concreto para as que estamos orientados e Mali en principio, é unha delas, ou unha das máis claras. Como preparación específica non empezaremos con iso ata que recibamos a orde de activación e o calendario para o despegue. Aí empezariamos a conta atrás para empezar a preparación específica e adaptada á misión.
Publicáronse informacións relativas a unha hipotética misión en Siria. Ten algunha novidade ao respecto? Confírmaa? Descártaa?
Eu nestes momentos non teño constancia en absoluto de que se abra tal operación. Non lle podo dicir nin que si nin que non. Simplemente, que na Brigada non sabemos nada, por agora, dese asunto. Descoñezo se no futuro pode abrirse. En principio, descártoa, posto que descarto facer calquera tipo operación que non me designasen para facer. Pero dígolle que non teño coñecemento de que se estea a traballar niso.
"Non teño constancia en absoluto de que se abra unha operación en Siria"
Na súa axenda hai algo máis no exterior á marxe de Mali?
En principio, non, pero, ben, agora mesmo somos a Forza Conxunta de Reacción Rápida. Durante este período, se houbese algunha continxencia a Brilat veríase involucrada se así o decidise o Goberno e dirixíseo o Xefe do Estado Maior da Defensa.
Unha operación que si se mantén todos os anos é Sentinela Galega de prevención e disuasión contra os incendios forestais...
Esa asegúrolle que si está no calendario
Só se fai en Galicia, pero, se ten coñecemento dela, que cre que achega o Exército na loita contra o lume?
A priori a valoración que fixeron todas as autoridades locais xa me leva a facer crer que é verdadeiramente relevante para a comunidade. A Brilat non é unha Brigada específica preparada no tratamento de catástrofes, eu creo que a nosa contribución principalmente vén grazas á capacidade que temos para despregar no terreo e de proporcionar vixilancia preventiva dos incendios. E tamén somos un órgano que en caso de extrema necesidade podemos apoiar. Así aconteceu en situacións no pasado e estamos completamente preparados e dispostos a atender calquera actuación de apoio que neste sentido proveña das autoridades locais.
Antes do inicio da entrevista mostrábase sorprendido do impacto mediático que poida ter o seu posto, pero a verdade é que en Pontevedra ten gran proxección pública e implica interacción coas autoridadades. Como o recibiron?
Con gran cordialidade e cun recibimento moi positivo, tanto o delegado do Goberno coma as autoridades locais, da comunidade autónoma... a recepción foi magnífica. Supoño que a vida previa da Brilat, a colaboración durante longo tempo desta unidade coa provincia de Pontevedra foi excelente, esperan de min o mesmo e por suposto iso é o que eu lle ofrezo á provincia de Pontevedra, manter e mellorar se é posible as excelentes relacións que actualmente se manteñen.
O coñecemento que tiña da provincia procede de cando era axudante do Príncipe de Asturias. Que espera agora da súa etapa aquí?
Acompañei a súa Alteza nunha visita que tivo á comunidade autónoma hai xa moitos anos e tiven a fortuna de estar tamén como turista. A provincia de Pontevedra é unha provincia de grande atractivo para os que vivimos na Meseta. A parte de que no profesional constitúe unha oportunidade magnífica e un auténtico privilexio, no persoal innegablemente éo, é unha cidade moi agradable, moi cómoda, a xente é agradable, é entrañable, a paisaxe, a arte e, sobre todo, a gastronomía de Galicia fan que pasar unha etapa da túa vida sexa unha experiencia no persoal moi grata.
Iso dicía o seu predecesor, o xeneral Alonso, e agora quedouse a vivir á provincia de Pontevedra.
El ademais é galego. Eu non sei se me quedarei, supoño que a miña familia tirará para volver para Madrid, pero en calquera caso seguro que imos gozar porque xa empezamos a gozar da nosa estanza aquí.
Relacionadas:
-
O ex xefe da Lexión Antonio Romero substituirá ao xeneral Cebrián á fronte da Brilat
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A Brilat enviará 120 militares a Mali
Por Redacción |
-
Os recortes de Defensa non afectarán á Brilat
Por Oskar Viéitez |
-
O novo xeneral da Brilat: "En paz con los comuneros hemos estado siempre"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |