Pastora Soler e o mismísimo Joaquín Sabina foron noticia en 2014 polas consecuencias do medo escénico. Un episodio que tamén viviu e acaba de superar Alexandra Carrera, protagonista deste podcast do 'Cara a cara'. É vilagarciá e cantante profesional. Nestes momentos non pode vivir da música porque a pandemia pasou a guillotina ás actuacións en vivo, neste caso á orquestra de verbenas para a que traballaba.
Formouse en varias escolas en canto e danza e accedeu á Escola de Artes Escénicas de Víctor Ullate en 2015 a través dunha bolsa para talentos. Durante esa estancia en Madrid conseguiu formar parte da Gospel Living Water como solista soprano, un proxecto musical que pretende achegar o góspel ao público.
"Empecei a sentir medo escénico. Secábaseme a boca, tiña moitos nervios, taquicardias, tremíame a voz", lembra. Unha situación que lle provocaba gran impotencia ao non recoñecerse a si mesma facendo o que sabía facer. Decidiu tomar as rendas dunha forma contundente. Comprou un altofalante para comezar a cantar na rúa. Así, a finais do pasado setembro, plantouse na céntrica rúa de Benito Corbal de Pontevedra.
"Tiña moitos nervios porque non sabía o que me ía a atopar. Fíxenme a miña lista de reproducións... e a ver que pasaba". "Non me esperaba a resposta tan brutal da xente, foi incrible. Parábanse, achegábanse e dábanme o parabén. Á terceira canción díxenme: xa está, solteino. Facía tempo que non me sentía tan ben comigo mesma" relata en PontevedraViva Radio.
A experiencia foi tan sanadora e gratificante, que decidiu que tiña que repetir e así o está facendo un par de veces á semana "mentres non estea a traballar no meu a lume de biqueira".