O pontevedrés Daniel Diéguez acumula unha traxectoria vinculada sempre a actividades artísticas. Fai dez anos comezou unha andaina profesional que a día de hoxe reclámao internacionalmente. É un 'cake artist', un artista da repostería especializado en chocolate. Elabora esculturas en tres dimensións, de calquera tamaño e son esculturas comestibles.
Crea arte efémera cuxo final está nos padais. Arte tamén cun punto transgresor porque é unha creación que hai que terminar esnaquizando. De feito, comenta neste podcast do Cara a cara "para algunha xente é controvertido; e mesmo para algúns gore polo de meter un coitelo e dar un ollo ou un pedazo de fronte para comerllo; pero non hai que esquecer que é un anaco de torta".
Creacións por tanto para gozar con catro sentidos; xa que salvo escoitarse, ven, tócanse, degústanse e chéiranse "a chocolate, por todas partes". E que é o chocolate para Daniel Diéguez? "o chocolate é un material de traballo sacro e tan nobre como a madeira, a pedra ou un metal precioso, que se pode traballar de mil maneiras".
Ata comezos do 2020 non paraba de viaxar; participaba en competicións nacionais e internacionais, impartía clases ou o reclamaban para realizar as súas esculturas comestibles en vivo. Agora fala en PontevedraViva Radiodesde Canarias, onde reside temporalmente impartindo clases como profesor de Debuxo.
A súa parte como 'cake artist' está a visibilizala en liña a través das súas redes sociais. Coa parte presencial "de momento paciencia, está todo no aire" explica. Esta semana recibía a invitación para un casting en Estados Unidos e as feiras e compromisos internacionais para este ano están paralizados ata que a situación sanitaria global permítalle retomar a súa actividade.