O pasado verán, catro xornalistas gastronómicas: Ana Vega - Premio Nacional de Gastronomía -, Helena Vaello, Gabriela Lendo e Carmen Alcaraz decidiron promover a recompilación do receitario español. Esas antigas receitas que as xeracións de maior idade, tiñan escritas ou tiñan aprendidas e levaban aos fogóns. Unha idea á que chamaron Los Recetarios.
O profesor de Cociña e Pastelería do CIFP Carlos Oroza, Ricardo Fernández Guerra, ao coñecer o proxecto non dubidou en levalo á súa aula. Cinco alumnos de forma voluntaria recolleron a testemuña e mergulláronse nas tradicións culinarias familiares, do mesmo xeito que o propio profesor. Comparten a súa experiencia en PontevedraViva Radio: Lara Sanmartín Rodríguez, Claudia Espinel Castrillón e Aitor Martínez Blanco, alumnos de Segundo de Dirección de Cociña.
En casos recuperaron esas receitas do puño e letra das súas cociñeiras - ou do puño e tecla mesmo -. Noutras, non foi posible porque con elas fóronse tamén as súas receitas. E hai que falar en feminino, porque aínda que actualmente os nomes propios de chefs son maioritariamente masculinos; xeracións atrás eran as mulleres quen se dedicaba á cociña.
Preguntamos nestas Conversas na Ferreríaque se cociñaba hai décadas?, que produtos elaborábanse?, canto tempo adicaban?, perdeuse esa cociña tradicional ou a forma de vida non fai factible mantela?. Tamén queremos saber cales foron as súas favoritas. Lara sinala o torta de roxóns, Claudia opta pola tarta de queixo, Aitor escolle un estofado de lingua de vaca e Ricardo queda coa receita en papel - e no prato - duns ovos recheos.
Os resultados do exercicio están a ser tan satisfactorios que Ricardo Fernández xa avanza que o próximo curso formará parte do currículo do ciclo formativo. Terán que buscar receitas familiares, documentalas e facer unha selección con elas para compoñer un menú cun "toque de modernidade". Concluiría cun servizo no restaurante da Escola, ao que se convidará a eses autores das receitas tradicionais.