Os convidados das Conversas na Ferreríacomezaron a xogar á petanca fóra de Pontevedra, en Francia, en Vigo máis en Valencia. Deixaron, retomaron e iniciáronse na afección en diferentes momentos, pero a día de hoxe son tres activos fundamentais na práctica deste deporte na cidade.
Con Raimundo Argibay, presidente do Comité Local de Petanca de Pontevedra; Simón Novoa, directivo da mesma e con Sagrario Fariña, xogadora do centro sociocomunitario da Alameda, introducímonos nas nocións básicas que ha de ter calquera 'petanqueiro'. É o nome co que se autodenominan en Pontevedra, xa que ao parecer, non hai un apelativo oficial para estes xogadores.
Falamos das cualidades que ha de ter un xogador de petanca, os beneficios que reporta, física e psíquicamente; da progresiva afección que se está xerando en Pontevedra, así como das iniciativas que están a promover para que a petanca tamén sexa un deporte que se oferte á comunidade escolar. Porque como insisten en PontevedraViva Radio "isto é un deporte para todos, maiores, nenos, homes, mulleres, para todos".
Este próximo sábado 31 organizouse en colaboración co Concello a Festa da Petanca, na que poden tomar parte avezados xogadores, iniciados e mesmo novatos. E non é a única cita que está prevista a curto prazo, o 14 de setembroestá organizada a Copa Cidade de Pontevedra.