AECAM Galicia, Asociación Educativa e Cultural Animais do Mundo, comezou a funcionar en 2010. Teñen o seu núcleo zoológico e centro de cría autorizado en Cerdedo-Cotobade. Dous dos seus fundadores, Fátima Otero e Roberto Díaz, acompañan ao educador canino Diego Álvarez enPodcans.
O seu obxectivo, como explican en PontevedraViva Radio, é ensinar de forma práctica e didáctica como funciona a biodiversidade. Fano mediante cursos específicos e de formación profesional, talleres, educación ambiental, seminarios, congresos, exposicións e terapias con animais. Ofrecen programas para colexios, con nove actividades diferentes, onde os escolares poden coñecer a biodiversidade da contorna. Un contacto en ocasións tan afastado que chegaron a escoitar que "os ovos veñen das neveiras".
Responden a cuestións como as especies invasoras, tanto arbóreas como animais, ou da realidade da cadea alimentaria. Respecto diso fan unha aseveración a modo de advertencia: "o animalismo moderno está a facer moito dano".
Non falta neste podcast quincenal a imaxe dun animal que demanda adopción. Neste caso trátase de Goofy, un can dun ano, de tamaño grande, castrado, desparasitado, vacinado e chipeado. Socializa ben con outros cans e con persoas. Atópase na protectora 'Tu eres nuestra ayuda' e pódese contactar no teléfono 633842656.