Alexandre Morán ten 26 anos, é pontevedrés e ten fixada a súa residencia actualmente en Palma de Mallorca. Cambiou o Atlántico polo Mediterráneo porque na illa balear o seu traballo tiña máis posibilidades de éxito. É un artista tributo de Elvis Presley.
PontevedraViva Radio aproveita a súa estancia do Nadal en casa para charlar sobre a súa atracción polo artista de Misisipi. Todo comezou con sete anos, cando escoitou 'Love me tender'. A partir de aí foi recompilando a súa historia, a súa discografía e réplicas dos seus traxes da etapa de Las Vegas.
Entre o 4 e o 6 de xaneiro, na cidade británica de Birmingham terá lugar o European Elvis Championships, un concurso anual de artistas tributo. Alex será o único español que participe. A súa actuación será a Noite de Reis.
O gañador leva un premio de mil libras, unha réplica dun traxe de Elvis realizado pola empresa oficial BK Enterprises e unha invitación para actuar nos campionatos de Estados Unidos, cuxa final ten lugar no epicentro dos seguidores de Presley, Graceland.
Para que te poidas facer unha idea das súas interpretacións, déixanos no Cara a cara un tema do Nadal, como non podía ser doutra forma, tributo a Elvis: 'Blue Christmas'.