É doce de xullo. Rafa Domínguez vén de reincorporarse aos seus novos compromisos políticos, tras unha breve paréntese de descanso coa súa familia. Hai quince anos, tal día como este, Rafael Domínguez Artime adquiría outro compomiso.Naquela ocasión ante un altar e con Erika Barreiro, a muller á que coñeceu como estudante de instituto e coa que ademais de profesión comparte vida e un fillo de sete anos, Rafita.
Este pasado mes de xuño foi elixido presidente do PP local de Pontevedra. Aspira a ser o candidato popular á alcaldía e conseguir que un médico substitúa a outro médico na cadeira presidencial do Concello. Unha faceta esta, a de político, que debe levar no ADN, tanto materno como paterno. O mesmo que un xen abocado á Medicina, herdanza de Rafael e María Teresa.
Sendo adolescente, o seu pai comezou a levalo ao Hospital Domínguez para que aprendese "desde abaixo" o que é a profesión. Logo veu a facultade en Santiago e a especialización no Porto. Dada a súa circunstancia familiar tívoo fácil para incorporarse ao mercado laboral, pero engade respecto diso en PontevedraViva Radioque "tamén é certo é que a min se me esixe máis que a outras persoas".
Rafa é o maior de cinco irmáns e a día de hoxe tío de seis sobriños. Non lembra a que temperá idade debía ser, pero almacena na memoria da infancia unha nevada en Pontevedra e os veráns coa familia en Areas. Conserva amizades dos dous centros de Primaria en que estudou e tamén dos outros dous de instituto. Bo estudante, axudado conta, pola súa afección á lectura. Algo que persiste e practica, con especial devoción cara ao cómic, desvela nesta Playlist.
O que non pode ser, non pode ser, e ademais é imposible; así que prefire - como se di popularmente - facer unha limonada cando a vida dáche limóns. Un eufemismo do espírito optimista que exerce Rafa Domínguez. Escoita moita música, e vai agora a máis concertos que na súa mocidade. Un consello de médico: practicar deportes para facerse maior nun estado máis saudable. E un desexo de futuro, ou tres: saúde, saúde e saúde.