Progresivamente hai maior interese en adquirir coñecementos de primeiros auxilios, pero aínda hai que seguir mellorándoo. É a primeira das conclusións á que nos levan os invitados de PontevedraViva Radio a doutora Luisa Chayán, médico asistencial da ambulancia medicalizada do 061 en Pontevedra e o doutor Carlos Fontoira, xefe de base da mesma.
Con eles falamos de como identificar situacións de emerxencia sanitaria que poden sucedernos como sufridor ou como auxiliador. Por exemplo un ictus, un infarto, un paro cardíaco, un atragantamento ou un golpe de calor, máis frecuentes nestes meses estivais. Como máxima xeral, chamar ao 061 onde cunha serie de preguntas axudan a detectar signos de alarma e activan a cadea de supervivencia.
De igual forma a asistencia de cursos é de incuestionable utilidade. De feito, ambos os profesionais coinciden en que a idade non é un hándicap e apuntan que "os menores son os mellores alumnos que temos e involúcranse unha chea".
Exemplifica a doutora Luisa Chayán que lles constan polo menos dous casos de menores que acudiran a estes cursos cuxos familiares, posteriormente, sufriron senllas paradas cardiorespiratorias e "souberon reaccionar chamando ao 061 e iniciando a reanimación; e esas persoas salváronse sen secuelas".
O punto anecdótico, que postos na práctica non o é tanto e do que falamos nas Conversas na Ferrería é a utilidade da canción 'A Macarena' á hora de realizar unha reanimación a outra persoa. Unha utilidade que ratifican, non só co exitoso tema, senón con outros tantos.
Para utilidade xeral existe unha aplicación para teléfonos móbiles, gratuíta, chamada Urxencias Sanitarias de Galicia na que unha vez rexistrados pódese chamar ao 061 e a chamada queda xeolocalizada - algo moi útil dada a dispersión xeográfica galega - para que cheguen canto antes os servizos de emerxencia. Inclúe unha guía de primeiros auxilios e un mapa indicador da localización de centros sanitarios e farmacias.