Como tantos rapaces, Aarón González Diz, estaba enganchado ao fútbol. Con dez anos, esperando o bus escolar con outros compañeiros de clase, en Mogor, Marín, foron atropelados por un turismo. El levou a peor parte. Mentres era trasladado en ambulancia, por aquela cabeza roldou unha pregunta que expuxo aos sanitarios: poderei seguir xogando ao fútbol?.
Os aproximadamente catro anos posteriores pasounos máis dentro de hospitais e quirófanos, que fora. Ata que contra prognósticos e recomendacións empeñouse en poñerse diante dun balón. E fíxoo: co Laberinto de Mogor de fútbol sala.
Con 17 anos, picoulle a curiosidade do boxeo amateur e Antonio, daquela director do seu instituto, - o IES Illa de Tambo- , animoulle a probar. Doce anos acumula coa práctica do boxeo olímpico e acumula tamén títulos de campión.
Estudou Maxisterio e esa é a profesión que exerce cos seus alumnos de Terceiro de Primaria no Colexio Inmaculada de Marín. Tivo tempo ademais para ser empresario, adestrador e promotor de eventos; todo relacionado coa práctica deportiva e o boxeo, repasa en PontevedraViva Radio.
Defende uns valores que inculca aos seus pupilos; sexa no boxeo, sexa en clase. A final de contas, como di Aarón na Playlist: "o boxeo e a vida están moi relacionados, hai que pelexar para seguir adiante; ás veces estás só e se levas golpes, levántaste". Que llo conten a el...