A xenética de Luís Emilio Batallán debeu ter un debate intenso. Nai farmacéutica, pai médico e á vez uns cantos músicos na súa árbore xenealóxica. Así que deberon quedar en táboas en termos axedrecísticos. O neno quería ser cantante... de orquestra! como Chucho, ao que vía en Moraña. Fose cal fose a intención, o seu pai díxolle: primeiro unha carreira e despois a música.
Marchou a Santiago a estudar Medicina, logo a Madrid a realizar as prácticas. No seu piso da rúa Pez coincidían coñecidos galegos como Manolo Moldes ou Conde Pumpido e outros non galegos pero igualmente coñecidos como Moncho Alpuente, Hilario Camacho ou un tal Joaquín Sabina. En 1975 edita o seu primeiro disco, ata a data o máis vendido en galego:" Ahí ven o maio".Cunqueiro ademais de letra para as súas cancións propicioulle autodenominarse "Lord Batallán".
Como o Guadiana, aparecía e desaparecía da escena musical para atender a súa outra profesión: médico de familia. Así foi sumando seis discos, o último de 2016 titulado "70 e 29". Nese tempo tivo unha etapa parisién, outra cubana que veu da man de Pablo Milanés, outra pontevedresa como presidente do club de fútbol da cidade - e que prefire esquecer-... e como conta o seu bo amigo Miguel Ares nesta entrevista, sempre se sentiu un H.M.R. Isto é: un Humilde Médico Rural.
Afirma que lle gusta estar con xente nova, algo que herdou da súa nai. Que lle gusta ler poesía debido a que lle axuda a compoñer. Con todo, non lle gusta falar de si mesmo porque lle resulta pretencioso. Certo, pasou por esta Playlist de PontevedraViva Radio se non ás furtadelas, si nadando e gardando a roupa.
"Había que chegar" titulou o LP editado en 2014, e agora en 2017 o próximo día 23 de novembro "chega" de novo a Pontevedra. Facía máis dunha década. Un concerto benéfico a favor da Asociación Juan XXIII no Teatro Principal, onde interpretará temas de todo o seu repertorio. Aí ven Luís Emilio Batallán.