"Transplante máis deporte igual a vida; doa órganos, doa vida". Con este lema, que ademais é unha rotunda realidade, pecha Carlos Sánchez Montes este Cara a Cara de PontevedraViva Radio, á que volveu para compartir a súa experiencia nos XXI Xogos Mundiais para Trasplantados. Unha vivencia que este pontevedrés, - que en xaneiro de 2014 recibiu unha segunda vida grazas á doazón dun fígado -, non vai esquecer nunca. Esa é a principal vitoria que comparten os aproximadamente 2.300 deportistas trasplantados chegados de 52 países a Málaga entre o 24 de xuño e o 2 de xullo. Outros, como Carlos, ademais trouxéronse medallas. No seu caso una de prata en paddle e outra de bronce no tiro de xavelina.
Con todo iso, lamenta en certa maneira non poderse traer dúas máis di este recentemente nomeado Comandante do Exército de Terra. Emociónase ao falar da presenza de doantes de órganos nos Xogos de Málaga. Neste sentido, fai unha pregunta contundente, evidente e concluínte: "se contamos estes 2.300 deportistas trasplantados de todo o mundo e multiplicámolo polos anos de vida que nos deron con cada órgano doado, dásche conta cantas horas de nova vida deron os doantes?".
Que ninguén leve a engano ao imaxinar estes Xogos Mundiais para Trasplantados, as súas marcas nas diferentes disciplinas deportivas celebradas son envexables. Hai que apuntar ademais que a súa participación era custeada por cada deportista; e que eles mesmos tiveron que facer xestións para conseguir equipamentos. Firmas particulares como Bullpadel, Joma ou Pel de Toro foron as que fixeron posible que España fose uniformada e equipada.
Santi Ferrer Moreira,o seu adestrador, non puido estar con el en Málaga; pero acompañoulle e aconsellou desde a distancia, continuamente. Agora de volta, púxolle " freo" porque se por Carlos fóra, seguiría cos seus intensos adestramentos diarios. Nesta charla ademais tampouco se esquece dos compañeiros que por dificultades de saúde ou económicas non puideron acudir a estes Xogos. A próxima cita, os Xogos Nacionais. A por moitas vitorias, a por moita vida.