Ata catorce bandas de música irán subindo aos escenarios o próximo 17 de xuño na Illa das Esculturas. A meteoroloxía reinante esa xornada é o único cabo que non se pode amarrar para o Surfing the Lérez 2017, pero agárdase contar coa alianza dos elementos.
Co impulso que adoitan dar os recoñecementos, Marcos Rivas, promotor do festival, ultima esta próxima edición tras presentar estes días os carteis do Surfing. Unha ilustración na que non falta ese galardón ao mellor festival nos Premios Galegos da Música.
Nesta ocasión a "romaría do rock and roll" como o chama Marcos, contará con tres escenarios; unha das novidades desta sétima edición. De igual forma os asistentes atoparanse cunha aldea Tiki, sen dúbida outro dos novos atractivos dese sábado.
O Surfing será tamén actividades e especialmente para o público infantil, mercado, gastronomía na zona de "food truck" e unha entrada gratuíta á vez que solidaria. Non se paga ningunha entrada, pero agárdase que os asistentes consigan facer realidade a chamada que fixo a RedeAxuda e póidanse reunir seis mil litros de leite.
O que aínda non inclúe este festival pontevedrés, é zona de acampada. Unha posibilidade que Rivas sopesa para próximas edicións, aínda que a decisión non depende de si mesmo.
Neste Cara a Cara de PontevedraViva Radio, podes escoitar a cada un dos 14 grupos, para que vaian quentando oídos. Malandrómeda, Pájaro, Deltonos, The Soul Jacket, Vinagres, Tiki Phantoms, Lucy and the Rats, Glitter and Litter, Monrovia, Dois, Bala, Diola, Os amigos dos músicos y Los Bengala. (Os escoitas nesta orde).