Calquera que lea estas liñas sabería cantar, sen dúbida, o "Espinajau". Pero non serei eu, senón o protagonista desta Playlist de PontevedraViva Radio, quen desvele de que canción se trata. Francisco Castro Veloso, filósofo, mestre, escritor e director actualmente de Editorial Galaxia.
O barrio vigués de Teis está na súa vida e nos seus libros. Francisco Castro Veloso, é fillo de Marisa, a carniceira do posto número 4 do Mercado de Teis e de Manolo, o da tenda de Ortopedia.
O "neniño chapón" que sabía da chegada do verán, polo cheiro a monte queimado e polo cartel dos xeados Camy que expoñía Puri, a tendeira. O rapaz ao que montaron "un cristo" cando dixo en casa que quería estudar Filosofía en lugar de Mediciña; e que o seu fillo, terminará en breve.
Esta Playlist de PontevedraViva Radio puido ser un monográfico de The Beatles, pero este friki (como se define) daqueles revolucionarios de Liverpool, optou por variar o repertorio e permitirnos imaxinalo nas súas sesións de guitarra eléctrica cos colegas. Foi profesor de Filosofía durante dezaoito anos, polo que conta, un profesor "atípico" dunha materia tan vital e maltratada como esta.
Con 22 anos publicou o seu primeiro libro, e xa van dezaoito - sen contar traducións nin obras colectivas -. Tocou todos os paus, salvo a ciencia ficción.
Dezaoito libros e dezasete premios. Envexable, sanamente, se ambos termos son posibles conxuntamente. O décimonoveno podería estar nas librerías en 2018. Antes vaise a estrear como coguionista da película baseada na súa obra "Tes ata as dez" .