O avó youtuber Juan José coa súa canle "AtrapaTuAbuelo" converteuse nun fenómeno da internet. É unha excepción ou nos pode sorprender o manexo e habilidade que os maiores teñen de móbiles, tablets, computadores ou internet?. Nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio charlamos sobre os maiores e as novas tecnoloxías.
Os maiores cada vez súmanse máis e con moita rapidez ás novas tecnoloxías porque son conscientes dos beneficios que lles reporta, que lles facilita a vida e a comunicación. Segundo os datos que reporta Víctor Sariego, xornalista especializado en xerontoloxía e xeriatría, entre 2015 e 2016 o uso de tablets entre maiores de 65 anos incrementouse nun 219%, e un 11% o incremento do manexo da internet.
Informática, novas tecnoloxías, manexo de tablets e smartphones son os cursos que máis se demandan en ATEGAL, Aulas de Terceira Idade de Galicia, dedicados á formación permanente para adultos e maiores. Rompendo estereotipos, resulta que esta parte da poboación utiliza esas novas tecnoloxías por exemplo para baixarse música, "Youtube encántalles, báixanse aplicacións diversas que lles axudan na súa vida diaria e whatsapp téñeno controladísimo" di Tamara Amaro, educadora social de ATEGAL.
A industria é consciente do que o sector pode reverter pensando nesta parte da poboación. Non só no ámbito de lecer -xa que tamén se está traballando con videoxogos-, senón terapeuticamente para facilitarlles e mellorar a súa calidade de vida. De feito, en Saraiva, con varios centros de día para maiores, utilizan estas novas tecnoloxías, por exemplo, como explica Noelia López, directora adxunta, para a estimulación cognitiva e actualmente colaboran coa Xunta nun proxecto europeo chamado Horizonte 2020 e que polo tanto sería unha realidade en tres anos.
Tamén a administración autonómica ten en carteira tres proxectos patrocinados pola Universidade da Coruña para interactuar con maiores, adestramento cognitivo, sistema de emerxencia e relacións sociais. Con todo as administracións públicas en xeral, seguen indo uns pasos por detrás en facilitar este acceso ás persoas maiores.