RADIO.- Toca seguir agardando polo reforzo da vacina da tosferina
Por Marisa Ciordia
Por mor da aparición dalgúns casos de tosferina, levamos esta semana ao programa "Conversas na Ferrería" de PontevedraViva Radio o debate sobre vacinas e a vacinación.
No que refire a esta doenza, desde 2015 o Servizo Galego de Saúde optou pola vacinación a mulleres embarazadas. A pesar de que dita vacina está incluída no calendario de vacinación infantil e ten un reforzo aos seis anos de idade; atopámonos desde o ano pasado ante unha situación de desabastecemento. Tesitura que fixo que as poucas doses existentes se destinen a embarazadas e menores dun ano.
Segundo María José Faraldo, responsable de Epidemioloxía do CHOP, estimábase poder dispoñer da vacina neste ano corrente, pero non foi así.
Existen expectativas de que se poida contar coa vacina de reforzo para 2017; pero se non, os pais terán que seguir agardando e cando si se teñan, procederíase a vacinar aos menores que terían que recibila con seis anos.
Nestas Conversas na Ferrería, ademais de María José Faraldo, participan Vitoria Portas e Víctor Sariego, pais que tamén decidiron sobre vacinar ou non aos seus fillos.