No chequeo que PontevedraViva Radio está a facer polo fomento da igualdade no deporte, o podcast queda nesta ocasión co Club Baloncesto Estudiantes Pontevedra. Toman parte na charla Rosi Crespo que é coordinadora e adestradora do Club; Ana Román, ex xogadora profesional é a pedagoga e axudante da adestradora; e as xogadoras Ana Santos, Carmen García, Noelia Fentanes, Ana Brea, Laura Fontán e María Maceiras.
O Estudiantes leva en activo dese hai máis de 30 anos na cidade con equipos desde alevíns ata senior. Nestes momentos traballan no fomento do baloncesto feminino. O ano pasado xa tiñan equipo en cadete e junior; precisamente a pasada tempada as junior conseguiron o ascenso a Primeira División da Liga Galega e esperan esta tempada sacar un equipo pre-mini e outro infantil.
As novísimas xogadoras coinciden nuns comezos temperáns no baloncesto despois de probar outras disciplinas deportivas; ben por irmáns, ben por amizades próximas. Todas teñen claro que queren seguir practicándoo, pero igualmente que non é a súa aspiración de futuro, din nas Conversas na Ferrería.
O Estudiantes está inmerso nun proxecto educativo e deportivo que non só se quere quedar no fomento dos valores esenciais do deporte. Expoñen por exemplo que "o baloncesto sexa unha ferramenta educativa" e sírvalles de axuda para a súa vida diaria; incentivar a igualdade de xénero; xestionar a frustración, o éxito, a derrota, etc. Tamén se contempla axuda aos pais; ou unha iniciativa nova, colaboran cunha academia para compatibilizar as obrigacións escolares coa práctica deportiva.