Naceu en Herbón hai 32 primaveras, pero leva 14 anos en Pontevedra e a próxima fin de semana converterase en toda unha pioneira dentro da arbitraxe a nivel comarcal.
María López Hervés será a primeira colexiada pertencente á Delegación do Comité Técnico de Árbitros de Pontevedra que forme parte do trío arbitral nun encontro da Primeira División de fútbol, no seu caso na categoría feminina.
Será no partido entre Betis e Atlético de Madrid, como asistente da ourensá Zulema González, no que para ela supón "un premio á constancia, ao esforzo", segundo recoñeceu no programa La Trastienda, de PontevedraViva Radio.
María López Hervés: "Dá igual que sexa violencia machista, física ou mesmo racista, hai que parar ante a violencia porque senón non a erradicamos"
Aínda que se queixa do baixo número de colexiadas na comarca e pide a máis mulleres "sobre todo que proben, que veñan, que se animen e que proben", defende en relación á arbitraxe "que non vexamos se é mozo ou moza, que vexamos unha figura que dirixe o encontro".
María debutará na máxima categoría do fútbol nacional como asistente, pero prefire ser árbitra principal. Polo momento actúa cada fin de semana na Primeira Rexional masculina, tras descender de categoría afectada polas lesións, pero négase a "perder a ilusión polo que che gusta".
Esa, di, é a clave, "sobre todo gozar o xogo", e así encara a súa primeira presenza na elite sen deixar atrás todo o que lle gustaría mellorar no mundo do fútbol e do deporte, empezando polos menosprecios que ao longo dos anos tivo que aguantar nun terreo de xogo como árbitra e como muller.
"Dá igual que sexa violencia machista, física ou mesmo racista, hai que parar ante a violencia porque senón non a erradicamos", defende convencida. Con máis pioneiras como ela seguro que se conseguirá.