'Axel' contén unha narrativa directa, explícita, sen andrómenas nin tiritas para escenas escabrosas, herdanza da faceta xornalística do seu autor, o vigués Luís García-Rey. Neste debut editorial consegue o obxectivo que di en PontevedraViva Radio perseguía con este libro: "captar a atención do lector desde a primeira páxina".
Escolleu dous escenarios que coñece ben, a súa cidade natal e a capital madrileña, onde leva xa a metade da súa vida. Emprazamentos escollidos por circunstancias e por convencemento, explícanos. Do mesmo xeito coñece ben o ámbito en que se movía a vítima inicial e moitos dos personaxes da novela: o xornalismo deportivo. García-Rey coloca aos lectores ante estrelas radiofónicas, xogadores, directivos e equipos de fútbol, que non son o alter ego de ninguén, tamén aclara.
Por suposto, xa que temos un thriller policíaco entre mans, desfila o mundo das forzas de seguridade cun protagonista principal, un policía con veciñanza viguesa chamado Axel Nash; e mafias, mafias dedicadas a diversas actividades ilícitas. Tramas persoais e profesionais que se entrecruzan e manteñen en albas ao público lector.
Estas semanas Luís García-Rey, de promoción de 'Axel', cambia o rol de entrevistador polo de entrevistado e comenta no 'Cara a cara' que sente agradecido coa resposta que está a recibir: "a crítica está a ser moi xenerosa e cariñosa" e isoresulta gratificante pertencendo a unha sección xornalística onde como di, enfróntanse a críticas feroces. O podcast completo se adxunta a esta información.