Aínda que naceu e a súa vida desenvolveuna en Madrid, a ascendencia de Lola Fernández Pazos é pontevedresa e recentemente regresou a Marín. O causante da charla que mantemos en PontevedraViva Radio é o libro 'El Pazo de Lourizán', primeira novela que publicará e presentará o 11 de maio xunto a Arantxa Portabales. A súa biografía e experiencia profesional como xornalista lévanos a falar doutras cuestións tamén actuais.
Falamos de Rusia e Ucraína porque Lola estudou EXB nun centro público integrado por profesores retornados rusos, logo estudou ruso no Instituto Pushkin e máis tarde na Universidade Lomonósov de Moscova, onde viviu a caída da Unión Soviética: "pasamos medo, pasamos frío, pasamos fame pero a recordo como a mellor experiencia de vida", afirma. Tras aquela EXB (Primaria), o BUP (Secundaria) pasou a estudalo nun centro do Opus Dei: "o primeiro ano resultoume estraño e duro, quitando ese curso fun moi feliz. De feito fomos a única promoción sen cerimonia de gradación polo rebeldes que foramos todas as nenas".
Hai cabida neste 'Cara a cara' para falar tamén da situación económica actual, dada a súa formación e experiencia profesional na prensa salmón e na Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. Das cuestións crematísticas pasamos ao amor, ao amor en redes sociais, xa que o seu primeiro título publicado como escritora foi 'O amor en tempos de Tinder. Manual urxente para triunfar en redes de contacto'.
E deixamos para a parte final da conversación a súa primeira novela, 'El Pazo de Lourizán', un texto que comezou a escribir o día seguinte ao falecemento do seu pai. "Con dezaoito anos alguén me contou unha historia e díxome, tes que escribila e publicala; pero non podía porque as emocións non mo permitían". Unhas misteriosas cartas entretecen as páxinas deste libro que discorre como sinala o seu título polo Pazo de Lourizán. Un emprazamento enraizado coa autora: "eu existo grazas ao Pazo de Lourizán".