RADIO.- 'O electo' trae ás 'Conversas na Ferrería' a Antonio Mourelos, Fernando Coronado e Cándido Pazó
Por Anxo Lourido & Marisa Ciordia
A comedia teatral 'O electo' (Contraproducións e Focus) pechaba este xoves a súa xira na cidade de Pontevedra. Esta representación daba a PontevedraViva Radio a oportunidade de manter unha distendida charla cos seus dous protagonistas: Antonio Mourelos e Fernando Coronado xunto ao seu director Cándido Pazó.
A obra - escrita por Ramón Madaula -, presenta a un recentemente elixido presidente do Goberno (Coronado) que a piques de dar o seu discurso de investidura enfróntase ao inesperado problema dun tic nervioso. Por iso ponse en mans dun psiquiatra (Mourelos). Ademais da terapia do político hai outra terapia da que falan e é a que fai o público: reir. Uns sorrisos e aplausos que agradeceron desde os escenarios nos que estiveron e desde os que viron os momentos máis restritivos da pandemia ata o progresivo achegamento á normalidade.
A través deses transfondos da trama falan da ambición - a do político representado e a da clase política -, de vaidades, de terapias e de feitos que marcan o futuro e a vocación. Neste punto, Mourelos, Coronado e Pazó fálannos deses feitos do seu pasado que marcaron o seu devir profesional. E cóanse tamén as cuestións de actualidade nestas 'Conversas na Ferrería'.
Mantivemos este faladoiro escasas horas antes desta última representación, "verase se a derradeira" como apuntaba Pazó, que engadía que haberá outra xira de 'O electo' de novo en galego, cunha versión diferente. E falando de futuro, cal é o que contemplan ou esperan eles?. Fernando Coronado asevera que "a pesar da gran oferta que hai son tempos difíciles para o actor", engadindo que lle encantaría facer dobraxe, ficción sonora para podcast e "seguir vinculado ao teatro".
Antonio Mourelos ábrese en canle: "os meus proxectos próximos e futuros están moi claros, xubilarme". Quere apartarse das cámaras, a docencia e deixar un oco para o teatro "que para min é unha experiencia nova e da que me queda moito por aprender" e outro pequeno oco na dobraxe para seguir poñendo voz a Michael Caine.
A Cándido Pazó recoméndanlle "que descanse un pouco" e aínda que así recoñece que debería facelo, avanza que se pon a traballar na adaptación dunha peza que versará sobre as cartas que se cruzaron María Casares e Albert Camus. Un proxecto para o Concello da Coruña con motivo do centenario do nacemento da actriz galega o próximo 2023.