Os lectores de PontevedraViva, coñecerán á invitada da 'Playlist' polas súas viñetas. Con este podcast afondamos en máis detalles sobre esta ilustradora, nacida en Vigo, pero vinculada a Santa María de Oia. Aproveitamos ademais que Laura da Silva, Titimoki, editou recentemente o seu segundo libro titulado 'Paco Peco Pequeneiro e o lagarteiro miope' con Edicións Xerais. Ela ilustrou a historia de Xelís de Toro, que como conta, foi especial xa que de nena lía este mesmo conto, ilustrado por Andrés Meixide.
Contrariamente ao que poida parecer, na súa infancia non hai debuxos como afección temperá; pero si hai contos, como os dous audiolibros narrados pola propia Gloria Fuertes que unha noite de Reyes apareceron por sorpresa, ou os 'Cuentos en verso para niños perversos' de Roald Dahl. A lectura sen dúbida levoulle á escritura - e ao coleccionismo de cadernos - que destinaba á escritura en poesía, en prosa, a recompilar refráns...
Estudou un Ciclo Superior de Educación Infantil e neste foi onde se produciu o punto de inflexión. Un profesor chamado Borja e unha ilustración de Francesco Tonucci foron os causantes da súa actual dedicación profesional. Con este precedente chegou ao Garaxe Hermético de Pontevedra, onde realiza durante cinco anos un curso profesional de Cómic e Ilustración e outro de Creación Literaria.
Vive da creatividade da súa fantasía e a súa música favorita tamén vén dunha formación con nome de personaxe de ficción: Vetusta Morla. Tráenos a PontevedraViva Radio unha ampla paleta de cor musical, desde a delicadeza da banda sonora de 'Amelie', pasando pola reivindicativa Nina Simone, ata a rotundidade rockeira de Extremoduro.