Disparade á lúa porque mesmo se fallades aterraredes entre estrelas. Unha máxima que se inclúe na traxectoria profesional desta 'rockeira lunática' que deixa o Argüelles Martínez para o seu documento de identidade e preséntase profesionalmente como Patricia Moon.
Quen aínda non a escoitara teñen ocasión de coñecela nesta Playlist e de escoitala en directo este sábado 20 na rúa Bastida a partir das 22.45 horas; incluída na programación de Paseantes.
A súa nai, melómana absoluta, quixo transmitir a súa afección aos seus tres fillos, e a mediana deles soubo o seu camiño a moi temperá idade. Comezou a tocar o violín con oito anos, tamén estudou piano e ópera. Renunciou ao lecer infantil e adolescente para dedicarllo á música. Trem fantasma foi a primeira banda da que formou parte, con dezaoito anos, "reinventando o meu papel nun grupo".
Estableceuse durante cinco anos en Berlín, aínda que estivo a viaxar por toda Europa. Deixou Alemaña para vivir a súa experiencia máis tola ata a data: protagonizar un desafío creativo vivindo unha semana nunha casa de cristal instalada no Paseo de Alcalá madrileño. Chegou 2010, o seu ano redondo, estudou bolseira noBerklee College of Music de Boston e editou o seu primeiro álbum.
Logo viría Miami, Buenos Aires e unha xira tributo a Amy Winehouse acompañada do que foi o seu guitarrista Robin Banerjee. Extrovertida, confiada, e decidida, esta viguesa planifica as metas a moi curto prazo, máis aló vai improvisando. Primeiro foi 'Patricia Moon', logo 'Oxytocin', agora é o momento de 'Rock & Love'. Todo o compendia en PontevedraViva Radio.