Ademais das exhibicións de cinema que ofrece Novos Cinemas, esta iniciativa tamén vai visibilizar a música de grupos locais.
As noites levan o nome de diversos grupos que durante estas veladas prolongan a actividade de Cinemas. No caso da noite do venres van ser tres grupos pontevedreses os que suban ao escenario na Sala Karma a partir das 23.00 horas. Nas Conversas Na Ferrería contan a súa traxectoria e o seu estilo no underground.
Isaak Abonjo é batería de Glitter & Litter, un trío cuns dous anos de andaina, que fan 'low cost rock' N roll'. O público pontevedrés tivo ocasión de velos e escoitalos o pasado agosto nos concertos da Praza de España, xa que telonearon a Rosendo.
Tamén un trío compón Trompas de Farlopio; para esta formación punk será a súa presentación na cidade. En PontevedraViva Radio estiveron dous dos seus integrantes: Lúa Sálamo, batería, e Iván, baixista e voz. Completando a proposta da noite do venres estarán Pantano. Un cuarteto que fai garaxe-rock, cun primeiro EP editado e que sacarán o seu primeiro LP para o ano próximo, como avanza Charlie, baixista.
Ademais do concerto destas tres bandas, a noite de venres tamén inclúe senllas 'pinchadas', en 'El Pequeño' a cargo de Diego de la Church, e tras a actuación de Karna con Mr. Lewinsky.
Para o sábado, na Casa da Luz ás 13.00 horas haberá unha Sesión Vermú na que se presentará o terceiro recompilatorio de Galician Bizarre e actuará Esposa. Pola noite no Pequeno 'pinchada' con JT DJ, ás 00.15 horas en Karma actuación de Disco Las Palmeras!, Rayotaser e para completar outra sesión de DJ con Sr Fiuza.