Así como a adolescencia é unha 'revolución' para calquera persoa, a 'corentena' parece cada vez máis frecuente que se adopte como unha etapa con efectos similares. Exemplo resulta ser o protagonista desta Playlist. David Neira Vence decidiu emprender a súa 'revolución' cando subiu ao cuarto piso da súa vida e dedicarse en corpo e alma a facer o que levaba dentro; aínda que en realidade xa empezara tempo atrás: ser escritor.
Nunha longa viaxe por estrada, á vez que viaxe ao interior de si mesmo, chegou ata Eloy Moreno e ata 'La travesía del Fénix' a súa primeira novela. Para entón xa era pai de dous homes: Gabriel e Marcos; e este 2018 chegou a segunda nena - enténdase, a segunda novela -, '363 TQ'.
Pero volvamos uns capítulos atrás. Neira Vence ten orixes lucenses e pontevedreses; franceses mesmo se se retrotrae xeracións atrás. Viviu a súa infancia e primeira mocidade cruzando a diario o que era unha barreira mental nesta cidade: as dúas marxes do Lérez. Desde o seu barrio do Burgo ata a praza do Teucro, onde estaba o seu colexio de Primaria; ou ata a praza de Méndez Núñez, onde tiña o campamento base coa súa cuadrilla de amigos.
Independizouse con 19 anos. Para entón xa levaba na mochila horas e horas de hostalería. E segue sumando; faio porque necesita, ademais de gañar o garavanzo, o contacto con máis persoas. A soidade a reserva para o escritor. Para ese escritor ao que agora recoñecen con cara de sorpresa porque leva unha bandexa na man.
A terceira 'nena' é aínda unha incógnita cando chegará, pero está a xestarse. A priori, esbózase unha historia coral, de 'cuarentañeros', de moito revival e de saber quen se é hoxe, sendo un onte e un antonte. (Continuará).