A Edición 02 de Novos Cinemas, o festival internacional de cinema de Pontevedra, dedica a súa sección Retrospectiva ao director Matías Piñeiro, un dos referentes indiscutibles do novo cinema arxentino. Falamos con el no programa Cara a Cara de PontevedraViva Radio.
A súa última película, Hermia & Helena, foi a encargada de inaugurar o festival. O público pontevedrés recibiuna con entusiasmo. "Gustoume ver a sala chea e xente curiosa vindo ver a película", explica Matías Piñeiro nesta entrevista, na que lembra que este proxecto é a cuarta entrega dunha serie de películas sobre os roles femininos nas comedias de Shakespeare.
Aos seus 35 anos rodou xa sete películas, as últimas en Nova York, cidade á que se mudou "seguindo os pasos do meu marido". Todas elas "son irmás e axúdanse en termos formais". Tanto que chega a sinalar que "hai unha danza entre unhas películas e outras", algo ao que axuda unha produción que se mantén sen cambios desde o principio.
E iso que oportunidades tivo. Sabe que con máis diñeiro podería facer máis cousas, pero non se sente cómodo nesa tesitura. "O diñeiro no cinema é moi perigoso, nunca vén só", segundo o cineasta arxentino.
Xunto a Piñeiro, neste Cara a Cara estivo Ángel Santos, director artístico do festival, que debullou a programación de Novos Cinemas, o proceso que se seguiu para seleccionar as películas a concurso, todas elas inéditas en Galicia, ou a oferta formativa do festival.