Gabriel Montoya Vidal, coñecido como "el Gitanillo" ou "Baby", foi o primeiro condenado polos atentados do 11-M, o único menor implicado por colaborar cos terroristas de Atocha. A súa vida, a súa historia e os seus movementos dentro da denominada trama asturiana cóntaos o xornalista pontevedrés Manuel Jabois en Nos vemos en esta vida o en la otra, un libro que reflicte as horas de conversacións que mantivo con el.
Coñeceuno grazas a un compañeiro de El Mundo, Joaquín Manso, quen o localizou en Asturias. "Eu fun a Avilés para falar con el e tratar de convencelo para que falase", explicou Jabois nunha entrevista no programa Cara a cara de PontevedraViva Radio. "Pero non estaba polo labor". A pesar diso, consegue o seu teléfono e establecen unha relación de certa confianza, deixando claro que "se me contaba a súa historia eu non ía facer sensacionalismo con ela".
Cando accedeu a falar "atopeime un tipo bastante desconfiado", aínda que tamén Jabois tiña as súas reservas porque "eu tiña medo de que el utilizase este libro para colocar a súa versión exculpatoria e que tanto Planeta como eu fósemos os portavoces dun condenado polo 11-M dicindo que el fora unha vítima do sistema".
Pero atopouse cun raparigo que ofrecía unha versión "incómoda e inquietante" sobre a súa participación nos atentados. E é que nesta entrevista, Jabois debulla como foron eses encontros con "el Gitanillo" que, sorprendentemente, só mostra un arrepentimento a medias por ser un colaborador necesario no atentado de Atocha.
"Se volvese ter eses quince anos, incluso sabendo que esa dinamita que transportou a Madrid ía ser para atentar contra xente, non sabería que facer, igual volvería actuar igual", explica o xornalista pontevedrés sobre un mozo que "sen que sirva de escusa de ningún tipo" non tivo nunca unha vida fácil.
Nos vemos en esta vida o en la otra xira ao redor de Gabriel Montoya e á súa visión dos feitos, pero Manuel Jabois reitera que "esta historia non ten sentido sen as 192 vítimas". Insiste no que neste libro "eu non falo do 11-M, non saen os trens nin as bombas" nin tampouco se analiza o atentado desde un punto de vista informativo. "Pero todas as vítimas están presentes desde a primeira á última liña", insiste.
A pesar diso, recoñece, o seu libro levantou certas bochas. "Escribíronme un par de vítimas", asegura Jabois. Entre elas, a nai dunha moza de 19 anos que faleceu o 11-M "moi enfadada de por que lle daba cancha a este tipo", aínda que non se leu o libro. "Díxenlle que o último que se fai neste libro é converter a este rapaz nunha rockstar ou nun heroe de barrio que se ve abocado a unha serie de catastróficas desdichas".
"Sae quen é. Cando hai un atentado no que hai 192 mortos, eu non teño que sinalarlle ao lector quen son os bos e quen son os malos", conclúe.