
Sangre Fucsia #150
Lun | 19:00 | 19:52
Reflexionamos sobre o tópico da muller como “obxecto de inspiración”, idea recorrente que vén reafirmada polas historias de musas contemporáneas tan famosas como Gala, a quen, segundo Dalí, salvou da tolemia para despois convertela na súa Santísima Virxe nun dos seus famosos retratos; ou Lee Miller quen, ademais de exercer como fotógrafa, serviu de inspiración a artistas como Picasso ou Man Ray; ou a escultora Camille Claudel, artista recuperada nestas últimas décadas pola herstory que, con todo, pasara á historia da arte como parella e musa inspiradora do escultor Rodin.
Algo parecido ocorre con outras parellas de artistas, como Yoko Ono e John Lennon, Frida Kahlo e Diego Rivera, Sylvia Plath e Ted Hughes, Leonora Carrington e Max Ernst… Pasolina e Valentina abordan dous interesantes perfís: o da autora de “Unha habitación propia” (1920) Virginia Woolf xunto co seu marido, o editor e tamén escritor Leonard Woolf, así como o da deseñadora de moda de finais do XIX, a austriaca Emilie Flöge, xunto co autor de “O Bico”, Gustav Klimt.
No actual panorama cultural pop, herdeiro de toda esta inercia que advertimos, cabe preguntarse polo concepto de xenio e a resistencia para velas a elas, autoras e artistas, como genias antes que como divas, un exercicio crítico que poñerá en práctica nosa compañeira Gaelx. Nesta mesma liña, Reinohueco inicia unha apaixonante procura do home como musa (ou muso): Existe? Deuse na historia da arte? Na ficción? Homes inspirando a homes? E a mulleres? En que contextos?