Andrés Núñez Rajoy
Enfado dun liberal
"Lo peor que le puede ocurrir a una sociedad es que la ultraderecha se encuentre con el liberalismo más salvaje" (Pedro Almodóvar recibindo o premio Donostia no SSIFF)
Coñezo a Arturo desde 1974, comezamos a carreira xuntos e compartimos cuarto nunha pensión, e logo piso. Con Franco nas últimas, as rúas rebulían. Había gañas de liberdade. Uns facíamos política na clandestinidade, manchábamos as mans de tinta ca vietnamita. Arturo non. Non lle gustaba o franquismo. No 36 o seu avó pasouno mal, fusilaron a dous amigos, o dono dun hotel e ao seu xastre e amigo, e alcalde da Estrada, Jesús Puente ("Balseiros"). Dicíame que o avó entrara no transo do silencio. Arturo era un liberal. É o meu amigo liberal. Eu tiña posters do Che, lía o "Sempre en Galiza", a Engels e Marx, ou os cadernos de Marta Harnecker. El lía a Adam Smith, David Ricardo ou John Locke. Era un liberal convencido. O seu liberalismo era a súa resposta ao franquismo: quería, un goberno liberal "serio e responsable", que houbese eleccións e dereitos. Lin algún dos libros que tiña, o primeiro, de "A riqueza das nacións" de Adam Smith. Fixemos amizade, sempre xantamos cando comeza o outono. Falaba e falaba da baixada dos impostos, menos estado e máis liberdade. Eu no nacionalismo e a solcialdemocracia, el en nada. Tivo admiración por Adolfo Suárez, duroulle pouco. Tiña (ten) dúas tendas na capital das Terras de Tabeirós. Vino moi "tocado" cando foi a "crise das preferentes". Mercara accións preferentes no seu banco de confianza, pensaba que eran de renda fixa, perdeu 40.000€. Cando rescataron aos bancos a través do FROB, do FGD e da Sareb, cunha inxección de 64.000 millóns de euros sufriu a primeira crise ideolóxica. Dixérame daquela: "os grandes nunca perden, a banca sempre gaña". Estaba afectado. A súa ideoloxía, que defendía con vehemencia, baseábase en que "o home ten que ser libre, o traballo é a orixe da propiedade, e o home debe tomar as súas propias decisión". Dicíalle, sempre, que andaba moi equivocado nos seus plantexamentos, que unha cousa é a teoría liberal cando naceu e outra agora. Mantiña que hai que deixar que as cousas funcionen baixo o mercado, xa se regularía coa oferta e a demanda. Non vía a inconsistencia, non vía a realidade, mais eu deixábao, era unha batalla que daba por perdida. Seguía as teorías de Carlos Rodriguez Braun o catedrático que seguía facía anos.
Ao xantar deste ano chegou descoñecido. Non era o mesmo. Non se metía comigo. Estaba como apagado. Preocupado, pregunteille que lle pasaba. Estou cabreado, contestoume. Doume conta que vivía enganado, que as cousas non son como eu pensaba. Tranquilo – dixen eu– non hai mal que cen anos dure nin corpo que o aguante. Non home non, eu falo de ideoloxía, ti sabes – ía explicándome – que eu sempre tiven formación liberal. David Ricardo dicía que "o salario máis axeitado tiña que permitirlle ao traballador manter á súa familia e posibilitarlle a existencia dunha previsión nunha entidade bancaria para momentos de vacas fracas". Ou Adam Smith "Non poden florecer longo tempo o comercio e as manufacturas nun Estado que non dispoña dunha ordenada administración da xustiza, onde o pobo non senta seguro na posesión da súa propiedade, en que non se sosteña e protexa, por imperativo legal, a honradez nos contratos, e que non se dea por sentado que a autoridade do goberno esfórzase en promover o pago dos débitos por quen se atopa en condicións de satisfacer as súas débedas. Nunha palabra, o comercio e as manufacturas só poden florecer nun Estado en que exista certo grao de confianza na xustiza e o goberno". Que enganado estaba – dicindo con rostro serio e triste –, pobre Adam Smith si vivise hoxe, as trampas dos poderosos, as mentiras financeiras, os lobbys, o comportamento monopolístico e falsidade, axudada polas lexislación dos gobernos e a xustiza. Considerábame clase media, e vexo que xa non son iso, que queren que desaparezamos, ou facernos máis pequenos. Aos meu empregados sempre lles paguei o mellor que podía, moito máis que do que figuraba no convenio, – seguía dicindo – agora xa pechei unha das tendas e a outra leva o mesmo camiño, as grandes multinacionais acaban con todo, o grande come o pequeno. Non lle vexo saída aos problemas. O liberalismo repite ciclicamente un erro fundamental que é desprezar as clases baixas, aos desempregados, ás clases medias agora empobrecidas que ven como os grandes gañan cartos e máis cartos sen chegar nunca abaixo esas ganancias. Isto vai acabar en caos, xa verás. Ríndome díxenlle que o vía moi revolucionario, moi contestatario. Riuse, comezaba a relaxarse. Nestas coméntame: "ti ves aos líderes do liberalismo en España? Ayuso, Esperanza Aguirre, as lideresas da corrupción con granxas de ras, que xunto a Alvise e Abascal teñen o mesmo discurso sobre os impostos, a desigualdade, os dereitos sociais, a igualdade ou os inmigrantes , Feijóo vai segundo o vento ou segundo o patinazo do día de Tellado. Os que escriben – seguiu –de liberalismo non manexan argumentos, o deles é atacar a Pedro Sánchez, baixada de impostos e menos regulación. Levan a banderita española no pulso e logo non lles importa facer dano ao país ou a economía española con tal de meterse co goberno, a ver se cae. Xa o dixera o ministro Montoro no ano 2012: "que caiga España que ya la levantaremos nosotros". Non cambiou nada. Estou certo que o que queren é o caos, – seguiu esplallándose e eu deixábao – e os liberais galegos, aínda dan máis noxo. Fun sempre liberal da terra, sempre defendín as nosas cousas, o autogoberno, a defensa do idioma. Mais os liberais galegos queren ser superespañois, non cren en Galicia, miran sempre cara Madrid, fan comentarios coma os de Madrid, o que lle pase ao noso País non lles preocupa, desprezan o galego e, en vez de Xunta din Junta, La Coruña ou Orense cambiando os seus topónimos, desprezando as institucións e o idioma, – embalado non paraba – teño de veciño meu ao que marca a ideoloxía do xornal importante editado na Coruña, é o exemplo vivo do que digo.
Intentei cambiar de tema, labor imposible, explicábame o seu abandono do liberalismo. "Ostrás", –díxenlle– que te vas facer de esquerdas. Sabes que iso non pasará –contestoume – son moitos anos mamando o liberalismo, camiño dos 70 xa é difícil cambiar, seguirei sendo de centro. Agora encaixo máis no social-liberalismo, sigo lendo cousas, agora estou con Ortega y Gasset, Jürgen Habermas ou Marta Nussbaum.
Estabamos xa co café cando me solta: "víchesme cabreado cando cheguei e o motivo aínda que é ideolóxico empezou pola sanidade, como sabes teño, de sempre, un seguro privado, e non deses de 50 euros, non, pago moito máis que iso. A semana pasada tiven unha cirurxía menor, cando me deron a alta dixéronme que tiña que ir facer as curas ao ambulatorio do SERGAS, que eles non a facían. Protestei, levaba máis de trinta anos pagando ese seguro privado e nunca o usamos na familia. A resposta foi que se confundiran, que me pedían perdón pero é que esa clínica tiña un convenio co SERGAS para facer operacións, e como eles contaban con pouco persoal mandaban á xente a facer as curas ou o seguimento aos ambulatorios do SERGAS aínda que asinaran de facelo todo na clínica. Saín para fóra, penseino ben, logo dunha morea de anos pagando á sanidade privade e onde me atenden ben é na pública, iso si atascada por estes procesos. Collín o móbil, chamei á compañía e deime de baixa nese seguro. Vai coa política liberal da sanidade de Feijóo e Rueda, nótase que é a marca Ayuso e as privatizacións PP. Xa sabes a partir de agora xa podes dicir que son o teu amigo social-liberal. Ah!, hai unha cousa que te quero dicir, o outro día na radio falar a un dos teus, un tal Javier Aroca que dixo unha frase que me parece moi acertada : a dereita defende intereses, non defende dereitos".
Non lle contestei, rinme, sempre pensei o mesmo que Javier Aroca. Para o ano que ben xantaremos no outono, veremos se segue social-liberal.