Tribuna Viva
Aos sanitarios de cirurxía do quinto andar do Hospital Montecelo
O día dous deste mes de agosto ingresei por urxencias no Hospital Montecelo. Sentíame moi preocupado xa que a dor que tiña era terrible. No traxecto na ambulancia ao centro sanitario a preocupación pola incertidume ao que podía ter e co que me ía atopar aínda complicaban máis o meu estado de ánimo pois resultou que a miña doenza era máis grave do que pensaba. Foron uns intres cheos de angustia para min e para a miña familia.
Dende aquí, quero agradecer de corazón o trato recibido polos doutores, as enfermeiras, o servizo de limpieza... De todos en xeral da sala de cirurxía dixestiva no quinto andar de Montecelo. Levo 11 días ingresado e as persoas que traballan aquí trátanme con moito cariño. Xamais vin unha mala cara para conmigo. Todo o contrario. Desvívense día e noite por todos os que estamos aquí.
Non teño palabras para expresar o ben que me atenden. Nótase que estes sanitarios teñen verdadeira vocación. Isto é marabilloso xa que unha boa atención, unhas boas palabras, uns sorrisos sanan de verdade, máis cas medicinas. A saúde só se valora cando un se atopa no estado no que eu estou agora. Gozar dela non hai cartos no mundo que a paguen.
Tendo uns profesionais coma estes a Seguridade Social non vai para ABAIXO. Non!
Está claro que en calquer traballo as cousas funcionan se as persoas fan ben o seu labor.
Unha vez máis moitas grazas a todo o persoal sanitario por coidarme. Que saiban que sempre estarán no acubillo da miña alma. Cando vaia para a miña casa sei que me vou emocionar.
Roberto González Soutelo