Celso Xavier Milleiro Sánchez
Avenida do Exército e Mariña
O pasado 3 de febreiro celebrouse no Concello de Marín unha comisión para tratar varias propostas do BNG sobre a Lei de Memoria Histórica que aínda afecta ao noso concello. Unha delas ten a ver co nome da actual Avenida do Exército e Mariña que segundo os concelleiros do Partido Popular non está suxeita á Lei da Memoria Histórica.
A Lei 52/2007 no seu artigo 15.1 di: "As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura".
Retrocedendo no tempo, exactamente ao Pleno celebrado en Marín o 7 de decembro de 1936, uns concelleiros, en posesión dunha representación ilegal e polo tanto carente de lexitimidade democrática, acordaban "denominar as rúas desta vila de acordo e en harmonía co significado e orientación do glorioso movemento militar (...)" entre elas a Avenida Pablo Iglesias que pasou a chamarse "Ejército y de la Marina". Non entende o que non quere.
Por aquel entón, moitos militares da Mariña, despois de dar un golpe de estado contra un goberno democrático, colaboraban con elementos civís e coa Falanxe española na detención de cidadáns quen sen cometer delito algún pretendían nalgúns dos casos nesgarlle as vidas. Os tribunais estaban compostos por militares do exército de terra e da mariña, segundo os casos. Nesas datas ese Exército ao que se lle honraba e se lle honra desde o Concello, apoiado pola Alemaña nazi de Hitler e da Italia fascista de Mussolini, loitaba contra o exército legal da República, un estado de dereito e democrático ao que traizoaron.
Máis dun cento de veciños e veciñas de Marín foron sentenciados polos militares que mesmo condenaron a morte a algúns dos nosos veciños, como ao alcalde democrático de Marín Antonio Blanco Solla.
Por último, non quería rematar sen lembrar que as forzas armadas teñen aínda un exercicio ético que cumprir. Independentemente do ideario que se teña, non é de recibo que a estas alturas no rueiro militar, nas vitrinas e nos salóns dos cuarteis segan figurando persoeiros que dan calofríos cando coñecemos a súa historia.
Namentres, outros como os oficiais de mariña fusilados casos do Contra-Almirante Antonio Azarola, o Capitán de Navío Sánchez Ferragut ou o Tenente de Navío Sánchez Pinzón, así como outros mariños, caso dos relacionados con Marín como o do Alférez de Navío Valentín de Pazos Fernández, o Auxiliar Primeiro de Aviación Julio López Miralles, o Cabo Electricista Luís Preciado Rodríguez, o Mariñeiro Fogueiro Preferente Daniel Corbeira Abeledo, o Auxiliar Primeiro de Aeronáutica Joaquín Moreda Feal (estes tres fusilados polos seus "compañeiros", o Moreda por negarse a bombardear povoación civil), o Mariñeiro Fogueiro Rogelio Rey Simes, o Cabo Eligio Casal Bautista, o Cabo Primeiro de Artillaría Manuel Gómez Llerena, o Mariñeiro Jesús Pazos Rosales.... seguen agochados e negados pola propia institución militar e sen ser exonerados a día de hoxe.
Todos os citados non entran nesa rúa do "Exército e Mariña", mais aínda referíndose aos actuais exércitos tamén sería unha burla que esa rúa se denominase como até de agora pois sería seguirlle o xogo aos que a cambiaron en 1936.