Por ser vos quien sois...

17 de septiembre 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

Hai menos de 48 horas, dúas mulleres máis foron asasinadas, facendo así un terrorífico total de 46 as que as súas parellas ou ex parellas arrebataron a vida, cando aínda faltan case 4 meses para que remate o ano

Son plenamente consciente de que, en numerosas ocasións, e ante determinados temas, evitaríame moitos problemas calando a boca ou, mellor aínda, uníndome ao que semella opinar a maioría, e digo semella tamén moi conscientemente, porque sei que non sempre é así, non sempre opinan o que din. Outra cousa é que sexa o que máis lles convén, que non é o mesmo nin de lonxe.

 

Malia iso, non o podo remediar, cando algo se dá de fronte contra aquelo que creo xusto, cando atenta directamente contra o que defendo e contra os meus principios, é algo superior a min, non podo calar, aínda sabendo que a que me vai caer enriba vai ser épica, pero, ou o digo, ou rebento, así de claro.

 

Así se explica que, profesional e socialmente falando, nunca a nada chegara, nin é probable, por non dicir imposible, que a estas alturas, o faga, malia ter tido, segundo algúns, excelentes ocasións para isto.

Non sei cando, por certo, se me presentaron esas ocasións, pero en fin... se eles o din, será certo.

Ademais, penso que a algo si cheguei, ou, alomenos, a algo moi importante para min, a ser coherente, a non ter medo a dicir o que penso, malia as consecuencias que isto me trae as veces, e a ter a conciencia ben tranquila.

Para min iso é todo un logro, e non o cambiaría por todos os cargos do mundo.

Cada un é como é, e se ve que eu formo parte do grupo dos parvos, que lle imos facer...!

E, unha vez máis, témome, vou abrir un melón que, máis que melón é xa unha bomba, pero ata aquí chegamos, xa non podo máis, teño que dicilo.

 

Hai un par de semanas, creo, deixei ben claro neste mesmo medio, que non ía volver falar do omnipresente bico de Rubiales.

Desde Si, hai saída xa nos pronunciamos, e, como afirmei, escritoquedou.

O mesmo digo con respecto as "bondades" dese individuo, que deben ser para nota, pero neste país noso non se acaba, ou non interesa acabar, con esa cuestionable costume de converter a defensa de calquera causa, que pode comezar de xeito moi digno, en show, e moito me temo, que, unha vez máis, imos polo mesmo camiño, pero, tamén unha vez máis, e isto é o peor de todo, o máis sanguento, é que a máis prexudicada vai ser a loita contra a violencia de xénero, e, porén, as vítimas, e é por isto que, se ben é certo que non vou falar do bico en cuestión como tal, si de algo directamente relacionado con el.

 

Hai menos de 48 horas, dúas mulleres máis foron asasinadas, facendo así un terrorífico total de 46 as que as súas parellas ou ex parellas arrebataron a vida, cando aínda faltan case 4 meses para que remate o ano.

 

Case ao mesmo tempo, coñecíamos a noticia de que a xuíza lle impuxo a Luis Rubiales unha orde de afastamento de 200 metros de Jennifer Hermoso, así como a prohibición de comunicarse con ela ou coa súafamilia, (case nada!) por calquera medio, alegando que é importante "pola presunta agresión e polas coaccións", xa que, segundo manifestan, 3 ou 4 integrantes da RFEF terían sido responsables de coaccionar a xogadora para que xustificara publicamente o bico.

 

Non vou a entrar no que se lle concedeu ou deixou de conceder á xogadora, prefiro non facelo, se non no que se lles deixa de conceder a tantas e tantas mulleres vítimas de violencia de xénero, cuxas vidas corren un máis que evidente risco, e que, malia solicitar desesperadamente unha orde de afastamento, lles é denegada.

 

Alguén ten idea de cantos audios, whatsapps, mensaxes, con insultos, coaccións e ameazas máis ou menos explícitas son aportados cada día por esas mulleres sen que se adopte ningunha medida cautelar, porque nin os atestados policiais, nin o p... test VioGén, e perdoádeme a expresión, pero é que me supera a indignación, reflectiron o perigo que realmente corrían e do que elas advertiron reiteradamente?

 

Alguén é quen de poñerse na pel destas mulleres, de imaxinar, malia que sexa por un momento, como se teñen que estar a sentir?

 

Cantas mulleres das que, supostamente, non corrían perigo ningún, alertaron, "vai vir por min", e se lles fixo caso omiso, están xa enterradas, alguén o sabe? Alguén e quen de imaxinar que teñen que estar sentindo os seres queridos desas mulleres, os que perderon unha nai, unha filla, unha irmán...?

 

Pero disto non se fala. Non interesa. Ao fin e ao cabo, todas elas, as que conviven co pánico máis absoluto como compañeiro e as que xa non están, son, eran, mulleres anónimas, descoñecidas... A quen beneficia loitar por elas?

Pero defender a Jennifer Hermoso, e que se saiba, naturalmente, é xogar noutra división, nunca mellor dito.

 

Pero a cousa non remata aí, nin moito menos.

Faltaba por saír á luz o despropósito do día do Ministerio de Igualdade, e, por suposto, non defraudou, faltándolle tempo a Sra. Delegada contra a Violencia de Xénero para manifestar, e cito textualmente, "Reconforta que la Fiscalía pida medidas cautelares contra Rubiales".

 

Si, Sra. Rosell, reconforta? Por que non lle pregunta Vd. a algunha das vítimas mencionadas o reconfortadas que se sinten? A algunha das que seguen vivas, claro, porque, por desgraza, moitas delas xa non poderán contestar.

 

Hai que ter moi pouca vergoña para dicir tal cousa desempeñando o cargo que Vd. desempeña, ou moi pouca conciencia, que, para o caso, é o mesmo.

 

O resumo de todo isto está ben claro.

Din que a xustiza é igual para todos e para todas, non si?.

Por iso, "por ser vos quien sois", e dispón, supoñemos, de recursos máis que sobrados, non se escatiman medidas de protección, mentres que as mulleres máis necesitadas son, ademais, as grandes esquecidas.

 

O dito, xustiza igual para todas.

 

Asociación Si, hai saída