
Andrés Núñez Rajoy
Amnistía, dinosauros e polbos como animais de compañía
Teño dous fillos, que aínda que naceron na Coruña, criáronse desde antes da adolescencia en Cataluña, onde viven. Tamén teño dúas netas e un neto cataláns. Estou certo que algo sei do que, e como, se move en Cataluña. Vin como se ía deteriorando todo ao converter un problema político nun problema xurídico. Compre, pois, facer un repaso histórico de cómo é que se chega ata esta situación. Poren non debemos esquecer que debemos arranxalo.
En 2003 CiU perde a hexemonía en Cataluña. Asínase o Pacto do Tinell entre PSC-PSOE, ERC e ICV-EUiA e sae Pascual Maragall como presidente co compromiso de reformar o Estatut. Apróbase o proxecto do novo estatuto cos votos de CiU, PSC, ERC e ICV-EUiA e rexeitamento do PP. Reúnense José Luis Rodriguez Zapatero e Artur Mas para desatascar, aí acordan, entre outras, que se mantería o termo "nación" no preámbulo e "nacionalidade" no articulado. Mariano Rajoy presenta no Congreso 4 millóns de sinaturas para pedir que se celebre un referendo estatal sobre o tema. No Congreso quítanselle varios artigos, recollido nas palabras de chulería de Alfonso Guerra, "se ha cepillado el Estatut catalán como un carpintero".
No debate no Congreso sobresaen algunhas opinións. Josu Erkoreka do PNV di: "O novo Estatuto será un barco novo pero haberá de navegar no mesmo océano, cos mesmo ventos, as mesmas correntes, as mesmas tempestades e, non o esquezamos, os mesmos corsarios". Josep Antoni Duran Lleida, di "CiU será leal a este Estatuto, como foi leal ao de 1979", e pregúntalle a Mariano Rajoy,: "Será leal o PP a este Estatuto se goberna?". Mariano Rajoy critica que "non resolve nada", que é un "desvarío discriminatorio", "inconstitucional" e "intervencionista". Resaltou que "estamos no principio do fin do Estado tal e como o concibiron os españois en 1978 equiparando Constitución e Estatuto" (Esta música segue de actualidade)
Apróbase cos votos a favor de PSOE, CiU, PNV, IU-ICV, CC-NC e BNG, en contra PP, ERC e EA, e as abstencións de CHA e Nafarroa-Bai. O 18 e xuño os cataláns e catalanas votan e aproban o Estatut co apoio do 72,9% dos votos. A Junta Electoral Central, a petición do PP, prohíbelle á Generalitat que fomentase a participación na votación a través dos medios de comunicación. Comeza o proceso de xudialización.
O PP presenta un recurso de inconstitucionalidade contra o Estatut. Acábanse presentando seis recursos máis, o do Defensor del Pueblo, dos gobernos das CCAA que gobernaba o PP, Rexión de Murcia, A Rioxa, Comunidade Valenciana e Illas Baleares e o Goberno de Aragón do PSOE contra unha disposición adiccional. Mentres se agardaba pola sentencia, que se prevía que ía ser negativa, unha ducia de xornais cataláns publican, en novembro de 2009, un editorial común titulado La dignitat de Catalunya ("A dignidade de Cataluña"), denunciando que o tribunal tiña varios membros mortos e o seu mandato estaba acabado, con tres anos sen ditar ningunha sentenza non debería ditar sentenza sobre unha lei que foi referendada polo pobo catalán. En xuño de 2010 o Tribunal Constitucional dita sentenza e declara inconstitucionais 14 artigos e interpreta outros 24.
Na tarde do 10 de xullo de 2010 celébrase unha gran manifestación en Barcelona, a mais grande do catalanismo, para manifestar o rexeitamento da sentenza do TC. Na cabeceira ían José Montilla, Jordi Pujol, Pascual Maragall, Joan Rigol e Heribert Barrera. Aparecen miles de "esteladas". A sentencia do TC deu o punto final á operación do novo estatuto, e tamén á derrota do catalanismo político, é dicir, ao catalanismo pactista de CiU e ao catalanismo federal do PSC. Foi a sentencia máis xocobinista que se podía dar. Foi unha vitoria do "nacionalismo español" que fomenta a lectura uniformizadora que ten o PP sobre a Constitución. A partir de aquí a iniciativa pasa das mans da Generalitat ou do Parlamento de Cataluña a entidades que apostan pola independencia. O PP rompe todas as pontes que tiña cos partidos cataláns. Comeza o "procés"
Como podemos ver ata aquí xerouse un problema xudicial onde era un problema político. O "procés" non foi bo nin para uns nin para outros. E ao ser un problema político débese buscar unha solución política. Hai miles de encausadas e encausados dos que case nunca se fala, por causas da máis diversa índole , máis todas relacionadas co sucedido neses días do referendo e das manifestacións dos días 14 ao 18 de outubro.Creouse un ambiente irrespirable en Cataluña. Eu vino e vivino. Había moita tensión entre a xente, entre os amigos, entre as familias. As cousas non eran coma antes. A persoas pechábanse. Os moi amigos non me falaban de política coma antes. A min iso doíame. Víaos tristes. Apagados. Mais nunca os vin resignados. Quen enchían o peito agora eran os que sempre estiveron alí pero nunca se daban a ver, os da extrema dereita e os da dereita extrema (A por ellos oe…!). Agora aparecían por todos os sitios provocando. O seu era tensar a situación.
Como non hai mal que cen anos dure, nin corpo que o aguante, apareceu o goberno de coalición presidido por Pedro Sánchez. Apoiado na investidura polos nacionalistas galegos, vascos e cataláns. Hai que recoñecer que fixo moitas cousas boas, seguramente iso é o bo de ser coalición,e neste caso deus pasos importantes cos indultos, mais non deu tempo a arranxar todo. A xente, aínda que aos poucos, está volvendo a ser como era. Eu nótoo nas miñas viaxes alí. Nas eleccións do 23X as catalanas e cataláns demostráronllo co seu voto. Agora no proceso de investidura, e ao ser os nacionalistas chave, xurde o tema da España "plurinacional" e posible amnistía dos encausados do "procés". Pero aínda se está falando primeiro ten someterse á investidura Feijóo, que dito sexa de paso fainos perder o tempo; mentiunos a nós e enganou a El Rei cando xa sabía o resultado.
Xorden diversas opinións sobre algo que non se sabe si vai suceder. Volven os vellos dinosauros (Uso a palabra dinosauro porque foi a que usou Felipe González para definirse a si mesmo, no ano 1997, no congreso da Internacional Socialista celebrado en Malmö, Suecia, na que dixo: "Eu xa son un dinosauro". Só tiña 55 anos). Non sei en que mundo viven, nin sei moi ben o que queren, ou si? Ou non, que diría M. Rajoy. O tándem Felipe González e Juan Luis Cebrián seguen pensado que aínda están nos anos 90 e que son alguén. A importancia que algúns lle dan a estes dous ven dese concepto errado que tiña (e ten) algunha xente sobre o diario El País. Sempre houbo un engano ao respecto deste xornal, a esquerda consideraba que era un xornal do PSOE. É certo que era un xornal progresista en cultura ou en avances sociais pero – como di Javier Valenzuela- nas cousas de comer, nos temas económicos e laborais, sempre estivo cos grandes empresarios e banqueiros. A amizade entre Felipe González, Juan Luis Cebrián e o finado de Polanco foi unha alianza a proba de bombas e compartían intereses. Claro que despois de vir do franquismo calquera cousa distinta e algo progresista parecíanos un mundo novo (eu incluído). El País non era do PSOE, era (é) "felipista", defendía unha España capitalista, integrada en Europa, cunha democracia elemental e con máis dereitos civís. Pero iso non é un programa de esquerdas. Xente que traballou en El País contoume que cando viña un escrito de Felipe González parábase a rotativa e unha vez corrixido ía para a publicación. Felipe González converteu o PSOE no partido dos "non franquistas". E duroulle bastante tempo, el manexaba a política e o grupo Prisa dábanos entretemento e nós tragábamos todo . Acababan de inventar o PRI español, ou que moitos lle chamaron o PRISOE, acrónimo formado con Prisa e PSOE.
Agora, Felipe González e Alfonso Guerra, xunto con Juan Luis Cebrían, claman contra amnistía da que non se sabe aínda nada. Gustaríame lembrarlles que en España houbo unha amnistía no ano 1977, que sempre se vendeu como se fora para ceibar dos cárceres a todos os antifranquistas presos e condenados polo TOP, que tamén, pero pouco se falou daquela, e si se fixo foi coa boca pequena, que a quen de verdade amnistiaban era aos militares, aos policías, aos gardas civís, aos xuíces e outros funcionarios do franquismo que poderían ser condenados polos seus actos. Logo vimos casos coma o de Billy el Niño e outros que nunca puideron ser xulgados. Lembrarlle tamén que eles foron quen indultaron a moitos dos implicados no 23F. O máis noxento de todo é a rabia ca que o "felipismo" actúa contra os que non son os que el elixe, senón que lle pregunten a Borrel ou a Zapatero, e agora a Pedro Sánchez. Mais o paradoxal é que nunca se meteu co PP, será que non hai motivos. Tema para estudar.
No caso do outro dinosauro, protogolpista, pouco que dicir. Descualifícase el só. Aznar é dese tipo de persoas que todo esta ben sempre que o propoña el, senón leña. Aznar entre moitos dos indultos que asinou, polo pacto con Pujol, o famoso Pacto do Majestic, que indultou a 15 membros de Terra Lluire acusados de terrorismo. O Pacto do Majestic era para que Aznar puidera ser investido Presidente do Goberno de España, e para iso asínase o que faga falta. Nese pacto tamén lle fixo grandes concesións a xeito de transferencias como a eliminación da policía e garda civil de Cataluña e sustituíndoos polos Mossos d´ Esquadra, o control dos portos, cesión do 33% do IRPF e do 40% dos Impostos Especiais e aprobación da Lei de Normalización Lingüística que afectaba ao uso do castelán nas aulas. Pero o mais abraiante é que sen converte en gran defensor da constitución. El, que ven da Alianza Popular que a maioría de deputados votaron en contra, el, que cando era inspector de Hacienda en Logroño escribía na prensa en contra dela. Iso é unha cara e non as de Vélmez. O derradeiro deste exemplar, a hora de escribir este artigo, é a desautorización de Feijóo como líder do PP. O máis simpático é que ningún dos dinosauros nin Feijóo presentaron ningunha proposta de cómo solucionar o problema político.
Aínda que se di que en España cada un de nós é un xurista e un economista, no meu caso non é así. Eu non sei si ten encaixe ou non unha amnistía. Si é mellor miles de indultos. Non o sei nin me puxen a pensalo. Simplemente non me interesa. O que me interesa e solucionar un problema político convertido nun problema xudicial. A política é diálogo, é entendemento. Non hai nada inmóbil, todo se pode cambiar, só hai que querer facelo. É necesario. Debemos entendernos.
Fun sempre nacionalista. Non sei moi ben de que tipo. Seguramente do nacionalismo utópico xa que sempre me gustou a idea da República Ibérica Federal. Cando se fixo a transición recoñécense e legalízanse os partidos nacionalistas. Alegrámonos todos. Mais cando comezamos a partida empezamos a ver os problemas. Estamos xogando en campo alleo e por riba está embarrado. Veuse moi ben no caso Ibarretxe e logo co Estatut. Ou tragades con estas normas ou temos xuíces amigos no TC que tombarán o que propoñedes. É a repetición de aquel anuncio de Scattergories no que o dono do xogo non deixaba xogar si non se aceptaba o polbo como animal de compañía. Un amigo, alcalde de ERC nun pobo de Tarragona dicíame: "estes españois non fan máis que atacarnos. Se queren que quedemos en España tanto lles custa dar mostras de que nos queren. En vez de acariñarnos veña a atacarnos. Se queremos irnos non nos deixan. A verdade é os cataláns non entendemos moi ben o que queren. Demostrarnos que España e deles. Vale. E despois que?". Dicir que eu tamén estou nesa tesitura, para eles Galicia é un parque temático para vir comer marisco e, agora, escapar da canícula e durmir con edredón.
O meu amigo Arximiro ten unha opinión sobre isto. Segundo el "nin a Felipe González, nin a Guerra, nin a Cebrián, nin a Aznar lles preocupa o tema de Cataluña. Cando lles fixo falta ben que se arrimaban a Pujol. Ben que lle cedían transferencias, as que lle fixera falta con tal de conseguir as súas investiduras. Cara fóra insúltanse, logo xantan xuntos porque comparten intereses económicos comúns. Eles están apoiados por sectores económicos que teñen que defender. Mira onde fan as declaracións, na prensa amiga da dereita. Queren manter o réxime xurdido dos acordos do 78, os do bipartidismo. Agora hai un goberno que fixo moitos avances tanto sociais coma económicos e non vaia ser que se volva a reproducir e se siga avanzando máis. Así que veña a dar caña para que non saia un goberno progresista. O demais é propaganda de distracción". Penseino un pouco e non parece descamiñado o meu amigo Arximiro.
Agora veñen os tempos da prudencia. Toca ser prudentes.Porque digo eu isto? Porque son moi da tautoloxía de Séneca que dicía: "O que é prudente é moderado; o que é moderado, é constante; o que é constante é impeturbable; o que é impeturbable vive sen tristura; o que vive sen tristura é feliz; logo o prudente é feliz". E así é como quero que vivan as miñas netas e netos cataláns. Quero que vivan felices. Que sexan respectados e tamén que respecten. Que cando van por España adiante e lle pregunten de onde son, e contesten que son cataláns o que pregunta non afirme: Ah! Independentistas!
Mais moito me temo que ao igual que no microconto de Augusto Monterroso cando eu esperte os dinosauros sigan aí. E o polbo, á feira!