Elena Varela
Alberto Casillas, un referente
Hai algo máis dun ano pasei en Madrid uns días. Ía camiñando polo Paseo del Prado cando me fixei nun home que estaba fumando na entrada dunha cafetería. Sabía exactamente de que coñecía esa cara, así que sen dubidalo, din tres pasos cara atrás e pregunteille:
- ÿ vostede, non?
- Si, son eu.
Non foi necesario dicir máis. Moi emocionada, achegueime a el, e enseguida me abriu os seus brazos para darme unha aperta. Cando me recuperei do shock avisei ós meus amigos, que ían un pouco máis adiante, para que coñecesen a tan magnífica persoa.
- Sabedes quen é? ÿ o camareiro que deixou entrar a aqueles manifestantes no seu bar e se enfrontou ós antidisturbios!
Ao momento todos sabiamos a quen tiñamos diante: o marabilloso Alberto Casillas, traballador da Cafetería Restaurante Prado.
Se non coñecen a súa historia que o dubido deberían buscala, porque é un exemplo para moitísima xente deste país.
Aquel incidente ocorrera na convocatoria de "Rodea al congreso", que deixou ó seu paso unha represión brutal por parte da policía.
Cando moitos dos manifestantes intentaban atopar un lugar seguro no que refuxiarse, Alberto abriulles a porta da cafetería para que entrasen e se protexeran da persecución. ÿ chegar os antidisturbios pedíronlle que apartase, e el, deixou caer a súa famosa frase: "¡Por mis huevos que no vais a pasar!"
Falei un bo anaco con el. Bueno, en realidade, estaba orgulloso de que unha persoa nova coma min o recoñecese. E díxome algo que quero que leades:
- Eu equivoqueime, Elena. Nestas eleccións o meu voto foi para o PP e non sabes o que me arrepinto. Cada día que me esperto penso no moito que errei ao malgastar o meu voto deste xeito. Por iso, sempre vos pido perdón a vós, á xente nova. Pídovos perdón porque eu colaborei a que non teñades futuro neste país, a que vos traten así, a que vos dean palizas como as que vexo aquí tódolos días, polo simple feito de loitar polos vosos dereitos. A min enganáronme, enganáronme coma a un tonto. Pensei que podían cambiar as cousas e o único que fixeron foi empeoralas.
Así que, ademáis do teu perdón, pídoche tamén que loites. Que vós, os mozos e mozas deste país, o futuro deste país, loitedes polo que vos arrebataron. Porque isto non se pode permitir.
Naquel momento Alberto collía as miñas mans e eu mentres, inundaba os meus ollos con bágoas. Acabei dicíndolle que non tiña nada que perdoarlle; que el xa arranxara moi ben o seu erro axudando ao pobo na súa loita e converténdose nun heroe e nun exemplo de humanidade para todos e todas.
Coñecer a Alberto foi unha experiencia moi emotiva e gratificante xa que é un home cheo de bondade e de honestidade.
Pero como Alberto, coñezo moita xente, por desgraza, que tamén se arrepinte do seu voto; que tamén os enganaron cun programa electoral falso e cheo de mentiras. Moitas destas persoas, decatáronse do erro cando os botaron do seu posto de traballo polos recortes en sanidade, en educación, cando os seus fillos quedaron fóra da universidade, ou cando despediron a centos de persoas por mor da reforma laboral.
A todas estas persoas só lles pido que non volvan cometer o mesmo erro. Que cando o Partido Popular diga que estamos saíndo da crise e que xa non son necesarios máis recortes, pídolles que non o crean. Cando a uns meses das eleccións, digan nos medios de comunicación dirixidos por eles que teñen moitísimos proxectos para sacar definitivamente a España da crise, pídolles que non volvan caer na trampa, nin no bipartidismo de sempre.
O voto é algo privado e único, no que ninguén máis que a propia persoa pode decidir. Por iso, á xente que agora me di que está arrepentida e que se sinte enganada e estafada, só lles podo dicir o seguinte:
Errar é humano, pero rectificar é de sabios.