
Antón Roel Villanueva
Para cando medren os sabugueiros
No abrente dunha mañá no mes que florecen as papoulas coa compaña dos trilos dos paxaros madrugadores que queren darlle a benvida, velaí nunha fileira como nun regueiro de formigas un fato de rapaces e rapazas do programa 'Seeds for Future', unha iniciativa que se integra no programa Erasmus de intercambeo de estudantes. Cada un levando na man unha árbore de ribeira para plantalos no rio dos Gafos, guiados pola xente de Vaipolorío. É mocidade de Croacia, Hungria, Grecia, Eslovenia e España comprometida co medio ambiente, que encheu de alegría xuvenil unha mañá solleira no río ateigado de alevíns de escalos e troitas onde nas beiras medra o loureiro, e que cando collemos as follas e as estruxamos nas mans e cheiramos lembranos o marisco da ría.
Ían plantar sabugueiros, unha árbore pequena moi utilizada polas súas propiedades medicinais por menciñeiros, curandeiros e sanadores na nosa terra. Algunha muller foi seguramente acusada de bruxería por utilizar as súas propiedades. O zume é bo para as dores de cabeza, en infusión para os arrefriados, as follas como compresas para as feridas, e as flores como sudorífico e deurético, os froitos son drupas pequenas que madurecen a finais do verán.
As xentes de Vaipolorio con Xose Manuel Feijoo como guía do grupo, vanlles explicando as peculierades desta contorna declarada ENIL (espazo de interese local) e relatando algunhas das lendas do rio que ten dabondo. Unha guía ía traducindo para entendemento dos estudantes. Nós, aínda que a maioria non dominemos o inglés que é o idioma no que se entenden, non precisamos traducción, pois como galegos que somos se os nosos antergos saíron de emigrantes polo mundo só co idioma que falaban nas remotas aldeas e ás veces, sen moita cultura, sen tan sequera saber o castelán, foron quen de entenderse e saír adiante. Maloserá que nós non fósemos quen de entendernos cos estudantes.
É digno de admiración e exemplar ver a xente moi nova de outras culturas alleas á nosa co entusiasmo que poñen no coidado e conservación da natureza; o entusiasmo e o interese e compromiso que puñan cando lles explicaban como tiñan que plantar as árbores. Con que agarimo o facian e sen ninguén decirlles nada cunhas bolsas ían recollendo o lixo que nos botamos a cotio a carón do río que tiñamos que ter sempre limpo.
Oxalaá que volten outra vez a visitar Galiza e o Gafos aínda que sexa de maiores ou xubilados e busquen o recuncho onde un día moi lonxano plantaron unhas árbores que eran garabullos e, como lle aconteceu a nosa poeta nacional Rosalia de Castro, non sexan quen de abrazalos de grandes que están.