Área EtnoNatural Parque da Coca / Muíños da Laxe e senda Río do Con

02 de mayo 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

En breve dará comezo unha campaña electoral na que o obxectivo será convencer á cidadanía de que nos outorgue a súa confianza e o voto. Con isto dotarémonos de recursos políticos para xestionar aquilo que é de interese xeral para as persoas que habitamos neste concello

En breve dará comezo unha campaña electoral na que o obxectivo será convencer á cidadanía de que nos outorgue a súa confianza e o voto. Con isto dotarémonos de recursos políticos para xestionar aquilo que é de interese xeral para as persoas que habitamos neste concello. Preséntase, sen dúbida, unha boa oportunidade para situar, no espazo da reflexión pública, propostas complexas de materializar que, sen embargo, constitúen unha achega ao deseño urbanístico da Vilagarcía do futuro máis inmediato; esa Vilagarcía que deberá ser quen de aproveitar o potencial que ofrecen, tanto o entorno natural, como o patrimonio da historia local das súas xentes e os medios de vida cotiáns.

Velaquí a nosa proposta: O actual espazo formado polo Parque de A Coca conxuga, a partes iguais, natureza, historia e valor etnográfico. O que hoxe é un parque polo que discorren as augas do río do Con foi, no pasado, parte dun antigo priorado ligado ao Mosteiro de San Martíño Pinario de Santiago. Ao seu carón atopámonos cuns muíños, os da Laxe, que noutrora tiveron un papel fundamental na moenda, accionados pola forza dese río do Con axeitadamente represado.

Malia que dos sete do pasado, só fican apenas os restos de tres, aínda así estamos a tempo de concertar acordos coa propiedade, convenios con outras institucións e calquera fórmula xurídica e urbanística que nos permita configurar unha Área EtnoNatural, de turismo sustentábel, funcionalidade didáctica e espazo de lecer para a cidadanía e veciñanza, que verían revalorizados os seus bens. Esta área viría acompañada dunha senda peonil, que entroncaría co cruce da N-640.

Deste xeito seguiriamos o modelo de Allariz, paradigma da xestión municipal do BNG e unha boa mostra do éxito que representou a intervención e posta en valor dun río polo entorno local. Nós, aquí, tamén estamos a tempo de tirar proveito de experiencias que amosan o camiño da sustentabilidade, e do coidado do medio natural herdado, facendo pedagoxía coa tradición, antes de que sexa demasiado tarde. Unha aposta de futuro, sen menoscabo doutras intervencións urxentes sobre o parque que se precisan abordar de inmediato.

 

XabierRodríguezPaz

BNGVilagarcía, candidatoáAlcaldía