Marta Rodríguez Engroba
Pobre nena rica!
Xa estabamos tardando en ter "tema estrela" relacionado cunha causa das que se supón removen conciencias que tivera como protagonista a unha famosa, e et voilá!, rematou a espera.
Aquí temos a Sra. Ana Obregón, tamén coñecida como "Antoñita la Fantástica", por algo será, acaparando horas e máis horas de Tv., páxinas de xornais, portadas de revistas, perdón, de revistas, non, de revista, en singular, porque se hai máis dunha non hai exclusiva, e, se non hai exclusiva, non hai pasta gansa, e chegando a ser tema prioritario nos telexornais e mesmo no Congreso dos Deputados por mor da súa polémica e din que inesperada "maternidade" mediante unha xestación subrogada.
A polémica está servida, porque neste país noso, outra cousa non, pero polemizar desde o sofá e algo que se nos da de auténtico luxo, e, se é fóra do eido privado, e se cobra, xa é o máis do máis... choven expertos!.
Non entraba nos meus plans falar deste tema, primeiro porque todo o relacionado co "famoseo" e as súas vidas non me interesa nin o máis mínimo, e prodúceme algo así coma unha mestura entre arrepíos e mala "milk", por ser fina, e segundo, porque, como xa dixen, sobran "tertulianos" e "expertos" encantados de facelo, pero despois de todo o que estou escoitando, queira ou non, porque esta señora está omnipresente, hai certos puntos que si me gustaría comentar.
Non vou manifestar a miña opinión sobre a maternidade subrogada, non porque non a teña, obviamente, se non porque non me chegaría o espazo, pero creo que abonda con dicir que quen comercia con vidas ou con corpos alleos, meréceme de todo agás respecto.
Non obstante, si me gustaría referirme a certas cuestións relacionadas, iso si, en maior ou menor grado con ela, e que, malia ser tanto ou mais importantes, están sendo, como todo aquelo que non interesa, obviadas, comezando por manifestar o meu profundo e máis contundente desprezo e rexeitamento por aqueles e aquelas que, facendo gala de algo máis que unha dobre moral, non dubidaban en berrar aos catro ventos condenando este tipo de xestación, pero que agora, defenden, por riba de todo, o dereito da Sra. Obregón a ser feliz.
As variñas de medir son infinitas!.
Teño que recoñecer que esta señora nunca foi santo da miña devoción pero que, malia isto, non puiden deixar de empatizar con ela cando seu fillo faleceu, porque, como nai, non se me ocorre dor máis grande. Non quero nin pensalo.
Creo que, despois desa perda tan terrible, fixo unha moi boa labor continuando coa iniciativa do seu fillo de fundar e promover unha fundación para axudar a rapaces que padeceran a mesma enfermidade que se cobrou a súa vida, pero isto de agora... non teño verbas.
Para comezar, esa esperpéntica saída da clínica en cadeira de rodas... Que lle pasaba, que se resentía dos puntos do parto? nun pretendido "roubado", que converte en mercadoría a unha meniña, que, acabada de chegar ao mundo, xa foi utilizada para que súa "nai" cobre unha seguramente mais que substanciosa exclusiva.
E aquí quería chegar eu, a referirme a persoa que, involuntariamente, é a protagonista desta historia, e a que ninguén semella estar a ter en conta, a propia nena.
Comecemos por unha cuestión que, para min non é menor, nin moito menos, a idade da Sra. Obregón, porque moito se fala do seu dereito a ser nai teña os anos que teña... Si, todo eso está moi ben, pero, que pasa cos dereitos da nena?
Cando ela comece a ir ao colexio, súa nai pasará dos 70, cando chegue a preadolescencia, a Sra. Obregón xa non cumprirá os 80, e todo isto sendo optimistas e dando por sentado que siga viva e en bo estado de saúde, porque a "carrocería" é unha cousa e pode ir manténdose máis ou menos aparente e vistosa, pero o motor outra moi distinta, e chega un momento no que se deteriora, que se esgota inexorablemente para todo o mundo, por moi Obregón que se sexa.
Realmente cre que, cos seus anos, pode ter a capacidade precisa que require a crianza dun fillo?
Acaso ela está feita dunha pasta especial, é distinta do resto dos humanos?
Evidentemente, non, e, como é lóxico, terá que delegar o cuidado da nena en alguén, en cuxo caso, non a vai criar, se non que lla van criar, que non é o mesmo.
É isto xusto para a nena? Penso que a resposta é un rotundo non.
É de supoñer que súa "nai" xa terá tomado medidas ao respecto, e, obviamente, non lle vai faltar de nada, agás o mais importante, unha nai, unha nai que xa manifestou o seu sentir nas súas primeiras declaracións: "Nunca más volveré a estar sola".
Non, ti non, pero, que pasa coa túa filla? Por un momento te paraches a pensar o que sentirá ela? Es medianamente consciente do sufrimento que xa lle estás asegurando?
Porque pode ter, como din, unha familia moi numerosa, moi unida, que tampouco sei eu se o serán tanto desde o momento no que din que non tiñan nin idea de que esta nena estivera en camiño, pero aínda supoñendo que así sexa, os primos, tíos, etc, terán, sen dúbida, o seu espazo nos afectos da nena, pero en modo algún poderán ocupar o baleiro que, inevitablemente, porque é lei de vida, lle vai deixar súa nai.
Por non mencionar que tentar paliar a tremenda dor ante a perda de alguén a quen querías, queres, máis que a túa propia vida, traendo a ela a alguén que o substitúa, nin é a solución, nin xusto para quen se elixe para isto.
Non se pode xustificar a mochila que esta meniña trae xa as súas costas.
Por outra banda, esta pobre nena rica, porque é o que vai ser, xa que materialmente non vai ter carencia de nada, e lle vai sobrar de case todo, sen ter opción, xa chegou á vida da Sra. Obregón convertida nunha fonte de ingresos para ela, porque é evidente que, despois do rebumbio que xa se organizou, a exclusiva da saída da clínica lle van seguir moitas máis.
O primeiro paseo, a chegada a España, o bautizo, o seu primeiro verán compartindo o pousado en bikini da súa proxenitora, os seus primeiros pasos, etc, etc, etc, ademais, por suposto, das declaracións, entrevistas e demais que farán os amigos, familiares, achegados... que tamén sairán beneficiados de todo este espectáculo mediático que non está se non comezando e do que a pobre nena, queira ou non, xa é e será, parte fundamental, sen escollelo, sen ter a oportunidade de elixir.
É certo que a familia non se escolle, se non que che toca a que che toca e punto, pero en casos coma este, non é que che toque, é que e froito do capricho de alguén que se cre con dereito a mercalo todo para tentar curar as súas feridas, supoño, pero sen pararse a pensar as que ela está a causar nunha inocente.
Namentres, todo mundo fala de como se sente a nova nai , pero moi poucos se preocupan do máis importante, de que, unha vez máis, unha menor, os seus dereitos, son os grandes esquecidos.
Asociación Si, hai saida