
Pedro J. Peón Estévez
O extranho caso do revivido (e II)
"Debeu de morrer coa impresión" -dicía Mucha. O caso foi que ela xa rebuscara todo, mesmo o roupa e calzado do defunto, e non aparecía por ningures nin o boleto nin a chave maila combinación da rexa caixa de caudais, e quen melhor sabía onde estaban era o propio morto, que sería convocado nuha sesión de espiritismo, tal e como quedara con Sindo mailo médico. Algúns crían niso cos olhos pechos e outros non tanto pero, se cría o médico que era un científico… Alá polas dez da manhán estaba todo disposto para comezar a función. Senén descansaba de "corpore insepulto" encima da cama do seu cuarto en pixama e coa porta aberta, porta que daba ó salón onde se atopaban os outros cinco sentados arredor dunha mesa - camilha. Pucho estaba intranquilo cando lhe plantexou ó tío:
- Eló, pensas que foi morte natural ou asasinato ?
- Pero que dis hó! Xa dirán as probas se foi ou non e, por outro lado, hai que buscar un móbil…
- Se lhe vale o meu -dixo Pucho sacando o teléfono do peto e ofrecéndolho a Sindo. Este repuxo, contrariado:
- O móbil é a causa ou o motivo que ten alguén para cometer un feito.
- E logo non houbo premeditación, nocturnidade e alebosia -insistía o mozo.
- Alevosía, home, alevosía ! Nocturnidade si pero premeditación…mira unha cousa Pucho; a partires de agora o teu vai ser ver, oir e calar, estamos ? Se non, chímpote á rúa.
De seguido Sindo, que oficiaba de mestre de cerimonias, comezou dicindo:
-Colhámosnos das mans e relaxemos corpo e mente en silencio e cos olhos pechados. Se alguén non obedece, o acto fracasará e nunca saberemos o paradoiro das chaves. A ver: dicide todos comigo: "onde están as chaves mate rile, rile rile…Onde están as chaves materile, rile, rón.
Quen máis, quen menos trataba de agantar o riso, mesmo Senén, que non bulía nin chisca pero podía oir. Tanto se esforzou para non rir que lhe escapou un tremendo peido. Sindo dixo:
-Vaia !, parece que Senén está resucitando -e engadiu elevando o volume e con voz rouca:
-Senén; maniféstateeee ! -Fran o médico, pola sua parte, berrou:
-Senén; levántate e anda !
- Cale doctor -recriminouno Sindo- A ver Senén, para dicir si; dá un golpe e dous para dicir non. Senén; estás aqui ? -oíuse bater unha vez no cuarto. Sindo continuou- Queres dicir onde gardáchela chave ? -dous toques- Como que non Senén ? Arría a chave que a ti xa non che ten falta. Faite bo Senén, mira que deixas á túa veúva na máis completa miseria…-outros dous golpes- senén, afrouxa o cartolo se queres ser enterrado no melhor panteón do cemiterio e que che paguen unhas misas porque, co baldreu que ti fuches, irás dereitinho ó inferno. Senén; escoita ben o que che digo. -Naquel intre, o "defunto" rodou na cama con intención de erguerse pero calculou mal e caeu no piso con grande estrondo.
-Non entrapalhes Senén que así non hai quen te entenda -dixo Sindo. O falso morto entrou no salón doéndose dun brazo.
-Caín da cama e case me mato ! -dixo. Os presentes sorprendéronse de desigual xeito ó velo aparecer. Sindo estaba case sereno; Fran e Mucha, asombrados. Pola sua parte, Ricardo e Lito ficaron aterrorizados. Sindo dirixiuse ó aparecido.
-Venha Senén; faite bo: solta a chave maila primitiva que alá onde estás non che ten falta…
-Cada cousa ó seu tempo; primeiro tenho algo que dicir -dixo Senén moi serio.Sindo apuntou:
-Fala, pois, e que sexa o que Deus queira.
- Alá onde estou sábese todo. Pódese ver todo o que acontece neste mundo ate o feito máis pequeno, E diredes vós: e que viu este tipo desde alá ? Pois vin a estes dous porme unha cornamenta coma a dun búfalo.Si, ainda hai pouco case se me meten na cama a trebelhar, pois nin de morto me respectan doentes como andan, pois ben: aqui onde estou tenho un poder ilimitado asi que a ti, "pichabrava", se te atopo por diante, mándoche unha chispa que te parta en dous e despois fago un churrasco cos teus anacos e ti, pingo, vas a ser a mulher máis querendosa e fiel da historia ou senón ha pasarche outro tanto -neste intre, Ricardo ergueuse e dixo tatexando:
-Ben, eu voume xa que se me fixo tarde -dito isto, saiu a fume de carozo e non lhe viron o pelo nunca máis. Ninguén soubo que foi del. -Senén ocupou o seu asento e foi concluíndo-. Os deuses e anxos déronme a oportunidade de seguir vivindo entre as xentes. Agora acordarei deste pesadelo e esquecerei todo o que pasou -concluiu Senén. De socate recuperou a seu ser habitual e mirou ós demais extranhado.
- Que pasou ? Que facedes aquí ? -Mucha apurou a explicarlhe:
- E logo non lembras que convidamos a esta xente a uns cafés ? Hai que ver; soneaches un pouco e case perdes a memoria. Vou polo café.
Pucho, que non era moito de café, ergueuse e despediuse
- Tío, eu voume que dentro de pouco entro de servizo ( o mozo é garda municipal ) -comezou a andar pero parouse de súpeto e virouse cara Sindo- Xa sabe quen é o asasino, tío ?
- Non hai asasino Lito, non ves que o morto resucitou -díxolhe sinalando a Senén, que estaba alí a carón.
- Si, claro…-dixo xa índose.
Senén, aproveitando que Fran foi a axudar a Mucha e que Lito marchaba, faloulhe a Sindo baixinho na orelha:
- Que lista é a condenada ! É tan lista como bonita. Non me extraña que os homes lhe vaian detrás adoecidos pero despois do susto que levou hoxe ha fuxir deles coma do lume -Sindo escoitouno e, por vez primeira, sentiu mágoa de Mucha. Lamentaba terse ocupado dese caso. Temía que alguén inocente saíse ferido.
Cobraría uns bos cartos a Senén polo servizo pero non estaba contento. Nadinha. Acordou marchar dalí.
- A onde vas ? -preguntoulhe Senén
- Por aí.A tomar un vinho antes de comer
- E o café de Mucha ? -engadiu Senén
- Outro día - contestou sen entusiasmo.
- Vou contigo -Gumersindo encolheuse de ombreiros. Senén achegouse á porta da cocinha e dixo:
- Mucha; o senhor Sindo e máis eu imos á rúa -e ambos saíron. Entón Mucha e Fran saíron da cocinha.
- Xa se foron ? - preguntou ela.
- Si, xa non queda ninguén -respondeu O doctor Fran. De seguido, os mozos abrazáronse e botaron un bo tempo bicándose con paixón. Ela separouse un chisco e díxolhe:
- Foi como matar dous paxaros dun tiro. O plan do senhor Sindo valeu para largar ó pelma de Ricardo para sempre e para que Senén me deixe tranquila unha boa tempada. Foi perfecto. Fixeches ben en contarmo.
- Fíxeno polo meu propio beneficio, porque me tes tolo e rabeaba por estar contigo.
- Canta felicidade nos agarda, meu amor !
- E eu alégromo moito -dixo Sindo desde a porta.
Os mozos separáronse sobresaltados.
-Tranquilos, so vin polo meu bastón. Voume xa que Senén espérame co motor en marcha.O bastón deixeino adrede para voltar e confirmar unha sospeita.
- Non nos delate, polo que máis queira -pregoulhe o mozo.
- Perdede coidado. Se ninguén me contrata, eu non me meto.
Corredoira marchou e os mozos seguiron co seu.
Na hora da sobremesa, Ermitas sondou a Sindo con habelencia. Morría por saber como saíra aquel seu plan pero sen desmerecer o talento do seu home; de non socavar o seu amor propio. Ermitas era moitas cousas, entre elas unha mulher diplomática. Preguntoulhe con tacto
-Que chacho, como foi todo ?
-Ben. O melhor foi poder contar co médico que se prestou axinha a botar unha man e agora xa sei porqué se deu tanta présa. El foi o que produciu o estado cataléptico de Senén por hipnosis con preparación previa e chamada telefónica na noite coa orde "Senén durme!" e acordar na manhá cando oiu a mesma voz dicir: "Senén; levántate e anda !" De non prestarse á hipnosis recurriríase ós fármacos, pero non foi preciso. Senén foi perfectamente hipnotizable. O da chave da caixa e a primitiva (inexistente) provocou a sesión de espiritismo que usou Senén para librarse de Ricardo e asustar a Mucha. En fin; que agás Pucho e Ricardo que se tragaron a farsa, os demais estabamos no garamelo.
-E logo Muchinha xa o sabía ? -indagou Ermitas.
-Púxoa Fran ó corrente. O susto de Fran e Mucha ó ver o resucitado foi puro teatro.
-E quen avisou a Ricardo ? -preguntou a dona.
-Foi ela mesma, así aproveitou a sesión para chimpalo sen que el se decatase. É moi lista. Xa o dixo Senén quen, por certo, pagoume cincocentos eurazos polo servizo…e foi barato!
-Pois nada chacho; outro caso resolto. Botaríaslhe aquela de "Corredoira nunca falha"
- Neste caso sería "Ermitas nunca falha" Nunca pensaches en ser unha senhorita Marple ?
- Déixate de macacadas ! Miss Marple ten unha avantaxe sobre min: é solteira. A ti vínhache melhor unha cousa estilo 007…"Sindo…Gumer - Sindo", dixo Ermitas imitando o deixe de Constanrino Romero.