Marta Rodríguez Engroba
Matar calando
Estou convencida de que se hoxe digo que vou falar do caso de Elia, a inmensa maioría diranme, ou pensarán, "fala do que che pete", sen saber a que, nin, e isto é o peor, a quen, estou a referirme.
Se acto seguido pregunto quen sabe quen é Elia, estou segura de que, agás rarísimas excepcións, ninguén terá nin idea, e non terán nin idea porque, neste pais noso, o fariseísmo, a hipocrisía, a cada vez maior falta da humanidade mais elemental, son de tal calibre, que o feito de que unha muller pase a formar parte desa macabra lista de vítimas asasinadas por mor da violencia machista deixa de importar, ou, mellor dito, de semellar que importa, que non é o mesmo, no instante no que rematan as concentracións, os minutos de silencio, e cámaras e micrófonos se apagan.
Este é o tráxico e miserento protagonismo que acadan as vítimas de violencia de xénero, e isto se as matan, porque, de non ser así, nin iso, agás, por suposto, que esteamos a falar dunha famosa. Nese caso a cousa cambia, porque ten outro rango e é máis vítima que as anónimas.
Elia foi asasinada, presuntamente, como non!, pola súa parella, non hai nin unha semana, pero, coma ocorreu coas súas antecesoras e ocorrerá coas que veñan detrás, ninguén se lembra xa dela.
Era moi nova, case unha nena, e con tan só 17 anos, un tiro na cabeza acabou coa súa vida.
Dor, consternación na contorna da vítima e, supostamente, sorpresa, coma case sempre nestes casos, adoita suceder.
Soamente faltou, a lo menos no que eu escoitei, o xa clásico "sempre saudaba", referíndose ao presunto asasino, pero si se puideron alixeirar conciencias, se é queda algunha por aí agochada, co tamén clásico, "Non existían denuncias previas".
Pero os ánimos exaltados, unidos a esa fascinación morbosa que espertan as cámaras, os micrófonos e a presencia, porén, dos medios de comunicación, así como ese execrable e irracional afán de protagonismo que moitos non poden conter nin ante acontecementos tan terribles, fan que, en non poucas ocasións, os fariseos, os hipócritas, baixen a garda para tentar ter o seu minuto de gloria, e este caso non foi a excepción.
A primeira en saír a palestra foi a tía de Elia, que, clamando xustiza, manifestou ante toda España, en prime time, que a súa sobriña lle contara que a súa parella lle pegaba, pero que non quería que súa nai o soubera.
E ela, moi ben mandadiña, calou. Describiu agora, eso si, con todo luxo de detalles, un ollo morado e mazaduras en brazos e pernas que presentaba Elia, pero ela, cuns principios morais moi sólidos, seguiu calando, gardando o segredo.
Tampouco se lle ocorreu poñer os feitos en coñecemento da G.Civil, Policía, ou de quen correspondera, supoño que dos segundos. Chisssst... silencio! O segredo era o máis importante, máis que a propia vida de Elia, de quen dixo, para acabar de amosar a súa "consternación" e a súa "implicación", e cito textualmente: "A ese asesino lo quería tanto, es un asesino".
Si señora, ten razón, é un asasino, igual que Vd. Él matou a Elia disparando, e Vd. calando, co seu silencio cómplice. Acaso se cre Vd. mellor que él?
A continuación veu a quenda do pai de Elia, que manifestou que sabía que o noivo da súa filla non era boa persoa, pero que non era consciente de que estivera a maltratala, para, acto seguido, manifestar que tanto el coma a sua ex parella, a nai de Elia, tiñan visto nela golpes e cardenais... En que quedamos, sabía ou non sabía?, pero, ollo, "en ocasiones puntuales". Ah, se era en ocasións puntuais tampouco pasa nada, home, di que si... normal, non si?
E tampouco fixo nada, tamén calou, porque total, se soamente era, coma el di, en ocasións puntuais, tampouco era para tanto.
Supoñemos que terá o seu particular baremo para calcular ata onde é tolerable o maltrato, porque está claro que, ata certos niveis, que el saberá ata onde chegan, para el o é, mesmo se a vítima é a súa propia filla.
Que dicir da súa ex parella, nai de Elia, quen segundo él manifestou, igualmente viu eses golpes e cardenais, pero, ollo!, non todos os días, senón, coma el, "en ocasións puntuais", por iso tamén calou, converténdose, igualmente, en cómplice do presunto asasino.
Ela, súa propia nai tamén axudou a matar a súa filla.
Tamén a súa actual parella, explicou o pai, viu as sinais de maltrato, que Elia negou, alegando que caera polas escaleiras, coma todas as vítimas de violencia de xénero facemos nalgún momento, así que tampouco fixo nada, malia que Eduardo, a súa parella e, recordemos novamente, pai de Elia, manifestou, moi "dignamente", e de novo cito textualmente, "mi pareja sabe lo que es un maltrato"... Pois menos mal, se non chega a ser por ela...! Mágoa que tamén calara e que, porén, o mesmo que a súa parella, e a tía de Elia, matou.
Faltaba, para rematar tan "selecto elenco", a ex parella de Elia, quen contou que ela o chamara pedíndolle axuda, que lle dixo que tiña medo e que lle pedira que a fora a buscar. Que, de súpeto, lle dixo que tiña que colgar e xa non volveu a saber nada dela, nin se molestou en sabelo, nin tampouco dixo nada, nin moito menos denunciou.
Non tivo problema, iso si, en facelo agora, nun programa de TV., agora que, tamén el, matou.
Fixádevos no tremendo da situación.
Que Elia estaba a ser maltratada era un segredo a voces , pero ninguén, nin a súa propia familia, moveu nin un só dedo para tentar axudala, cando o seu asasinato podería ter sido evitado.
Como mínimo catro persoas da súa propia familia, proxenitores incluídos, coñecían o inferno que estaba a vivir Elia, UNHA MENOR, non o esquezamos, catro persoas que confesaron un delito de omisión de socorro publicamente, ante as cámaras e os micrófonos.
E qué ninguén pensa facer nada? Acaso as leis, a xustiza, poden deixar impunes a aqueles que colaboran para asasinar calando?
Que sucedería se fose calquera outro delito o que se está confesando publicamente? Quedarían os seus autores igualmente impunes?
O que está máis que claro é que toda loita contra a violencia de xénero é e seguirá sendo inútil mentres, primeiro, non se responda a estas cuestións con total sinceridade, e segundo, e máis importante, non se castigue co rigor que merecen a aqueles que matan, sen coitelo, sen pistolas, sen golpear... Matan calando.
Asociación Si, hai saída