Tribuna Viva
Grazas, traballadoras e traballadores da Panadería Abelleira, Pontevedra quérevos
A Panadería Abelleira pecha as súas portas logo de máis de 140 anos de actividade en Pontevedra, onde naceu cun antigo forno de pedra na que hoxe é a Rúa Pedreira.
Eu, como moitas outras persoas na vila, tamén crecín comendo os seus "cornechos”, empanadas e doces. Eu máis, porque me criei entre aquel forno e o despacho da Rúa Sarmiento grazas a meu avó e a miña nai, que traballaron incansablemente coma se o negocio fora seu, igual que o fixeron todas as traballadoras e traballadores que noite e día sacaban os mellores produtos daqueles fornos que eu, de pequerrecho, vía enormes.
Todas e todos eles, especialmente o meu avó Nito, xa xubilado, fixéronme querer e amar unha profesión á que non me adiquei porque o que tocaba era ir á universidade, disque.
Non podo agochar hoxe o fondo pesar que me produce o peche do negocio logo dun duro viacrucis motivado por rifas familiares que tanto nos fixo sufrir.
Porén, pasara o que pasara, todas e todos erades recibidos cun sorriso. Se iso non é compromiso e amor polo traballo, que pode ser?
Quero, xa que os que se din chamar xefes non o fan, e se mo permitides, dar as grazas e enviar todo o agarimo ás traballadoras e traballadores que ao longo de todos estes anos formastes parte desta familia. Porque si, eramos unha grande familia.
Grazas en especial a meu avó e a miña nai, Luisita, a loira do despacho. Grazas por amosarme que o compromiso non ten límites.
Mamá, Begoña, Fani, Mª José, Manoliño, Suso e Juan estou convencido, e así o desexo, de que pronto alguén vos ofrecerá a oportunidade que verdadeiramente merecedes. Unha aperta máis para o meu avó e para Esther, tamén xubilada e que tanto nos ensinou.
Quérovos, familia traballadora. Toda Pontevedra vos quere.
Agora, que os "xefes"cumpran co que lles toca.
David Sobral, fillo da "chica" da Panadería Abelleira