Pedro J. Peón Estévez
Unha de Barriga Verde alén Minho
Segundo contaba o meu pai, o rei dos títeres, o xenial Barriga Verde, era un artista internacional pois adoitaba atravesar a raia húmida pola ponte de ferro e facer unha xeira de actuacións polas vilas do norte luso. Daquela contaba cunha chea de siareir@s naquelas terras e os seus inxeniosos números eran dabondo aplaudidos aquén e alén Minho. A xente máis humilde de todo o noroeste agradecía eses intres de distensión para intentar esquecer, as penosas ditaduras de Franco e Oliveira Salazar que asolaban a península ibérica naquela altura.
Sendo eu moi mozo, entrei nunha barraca instalada na Alameda nunhas festas da Peregrina. Tinha oído falar moito dos "monecos de Barriga Verde" e facíame moita ilusión velos. O espectáculo foi pésimo, decepcionante. Logo souben que, eses que eu vira só eran uns meros imitadores dos moitos que lhe saíron ós Silvent e quedei con mágoa de non chegar a ver o verdadeiro espectáculo daquela familia e o seu Teatro e Melodías de España (espectáculo Culto e Moral)
Non vou abondar na biografía de don Xosé Silvent Martínez ou Xosé o dos Monecos ou Barriga Verde, xa que existe abondosa documentación ó respecto. Si destacar a sua valiosa aportación a prol do galego el que, malia non nacer en Galiza, era galegofalante e o seu espetáculo representouse sempre na nosa língua alá onde fose. Ademais, moita xente descubriu o cinema da man de Xosé, transformado en operador itinerante perante o inverno, onde non había festas e romarías en que actuar e ganhar así o pan para a sua enorme familia. Pero vaiamos co relato do meu pai.
Debeu de ser aló por 1950 e tantos en que Xosé Silvent subiu ó trolebús do que o meu velho era cobrador. Reconhecéronse no intre. Ambos eran amantes da Fala e as artes escénicas. Tras saúdárense, Silvent comezou a falar:
- "Haiche cousas ben curiosas neste mundo, amigo meu. Recentemente fumos a Portugal co noso espectáculo e pasounos un caso alá por Viana que é difícil de crer. Resulta que todo ía ben coa actuación pois a xente riu e aplaudiu moito a do Touro polo rabo, o enterro da Veúva Alegre, a do Cura, pero ó chegar ó Xogo do Pau... nin un só aplauso ! E se na primeira función a xente encheu a barraca, na segunda non entrou ninguén !...ti conheces a do Xogo do Pau ?...ben, pois trata dun portugués cunha vara longa na man que desafía ó galego (o heroe Barriga Verde) a un combate a paus dicíndolhe: " galego, joga o pau ! ". O galego vinha de malhar centeo e traía o malho ó lombo...sabes como é o malho da semente ? É unha vara longa que se colhe cas dúas mans e outro pau máis groso e curto, que é o que bate na palha, unido á vara por unha tira de coiro a xeito de charnela. O malhador leva o malho atado á vara por medio dun atilho de vimbio cando non o usa, e así ía o bo do galego con este apeiro ó lombo cando atopa ó portugués provocador que lhe dicía: " galego; joga o pau !" Comeza o combate; o galego mándalhe un pauzazo e o portugués -máis habilidoso- pon a vara horizontal sobre a cabeza e empárallo. Conforme o galego bota o malho para atrás con idea de mandarlhe outro golpe, o portugués arréalhe na cabeza co varal. Volve o galego a voltear o pau e volve a pasar o mesmo por varias veces. Pero entón acontece algo inesperado: cos golpes, o atilho de vimbio rompe e, aínda que o portugués detén o golpe, a parte gorda do malho vira arredor e bátelhe forte nas costas. E así varias veces ata que o portugués pide papas e berra: " Fódase pá; pau com gonzo não vale ! " O noso espectáculo sempre foi moi celebrado en tódolos lados e aquí estaba fracasando. Faleilho a un meu compadre que tenho alá en Caminha e foi el quen me fixo caer da burra: " Ó pá, tá voçé errado; tem que inverter a história; DEVE GANHAR O PORTUGUÊS ! " E así o fixen: invertín os papeis. E cunha operación así de sinxela, a partires daí, enchéuseme a barraca en cada función. Había quen entraba varias veces. O que son as cousas ! O mesmo conto sempre ten unha versión galega e outra portuguesa dependendo de a que lado da raia se conte "
Ese era Xosé Silvent Martínez, o auténtico Barriga Verde, Xosé o dos Monecos, vecinho de San Salvador de Lérez, extremenho de nacencia e galego de vocación, esposo de galega e pai de oito galeg@s. Un bo e xeneroso!