Xerardo Torrado Agulla
Reino galego versus reino astur
Os cronistas árabes empregan o curioso termo de Yilliquiyya para designar os dominios cristiáns do norte peninsular, termo que evidentemente provén de Gallaecia, e aplicaban este termo incluso ós territorios vascos. No século VIII o Cronicón Anianense ó falar do concilio de Frankfurt, explica que asisten os obispos de Italia Gotia, Aquitania e Galicia. Por esas mesmas datas, a Vita Ludovici chama "rey de Galicia" a Alfonso II o Casto (c.760-842), aínda que na "wikipedia" o sigan a chamar "rei de Asturias". Ás crónicas centroeuropeas que narran a batalla de Simancas do ano 929, na cal foi derrotado Abderramán III, chaman o vencedor Ramiro II (c.898-951), rei dos galegos e incuso sitúan en Galicia a batalla.
O cronista árabe do século X Ibn Hawkal escribe que os vascos son "cristiáns de Galicia". Gallaecia era pois o territorio cristián, chegando ata Pamplona, opoñéndose a Hispania, que eran os dominios árabes. Ibn Hawkal escribe que fronte ás cidades árabes de Mérida, Toledo Guadalaxara, erguíanse as galegas de Zamora e León. Ben Bassan, nunha obra do século XII chama ó Cid, persoaxe que foi cargada de esencias tan españolas, "can galego". Nese mesmo século XII, o xéografo Idrisi, escribe que Segovia, León, Soria, Burgos, Náxera Logroño, Estella, Ponte da Raíña, Pamplona, Santillana e Baiona son galegas. Pero é que propias crónicas procedentes do Norte de España fan o mesmo, como a Crónica Silense redactada cara inicios do século XII que chama a Alfonso VI rey "galego" e "dos galegos".
Asturias era un territorio dentro dun reino, que era o galego. De León nun documento do propio Arquivo catedralicio datado o 5 de marzo do 873 lemos: "in civitate que vocitatur Legio, territorio Gallecia". Non pretendo descubrir nada, xa que todo isto está de xeito riguroso documentado polo medievalista Anselmo López Carreira, sempre tan claro nos seus libros e conferencias.