Marta Rodríguez Engroba
De novo, as variñas de medir
"Yo dejé de ser payaso porque perdí los papeles", recuerda.
"Me empezaron a robar las bolas de malabares y acabé agarrando a un niño del cuello: ¡Devuélveme las pelotas!".
Estas, para min, mais que cuestionables declaracións que apareceron nalgúns medios eran feitas polo actor Luis Tosar esta mesma semana cando lembraba os seus comezos como pallaso en festas de aniversarios de nenos.
Francamente, despois de lelas, eu quedei un tanto abraiada e agardaba que estiveran sacadas de contexto, en cuxo caso din por sentado que o propio Luis Tosar se encargaría de rectificalas, porque creo que son o suficientemente graves, ou, a lo menos, desafortunadas, como para iso, e, se el non o ve así, obviamente ten un problema.
Ata onde eu sei, tal cousa non sucedeu, algo, penso, chamádeme inxenua, parva ou mesmo malpensada, moi significativo nun personaxe público que non dubida en participar, por exemplo, en campañas contra a violencia machista e, ao mesmo tempo, non puiden evitar que me trouxera á memoria, unha memoria a miña que ás veces, como é lóxico, falla, pero que para todo o que ten ver coa violencia de xénero é case fotográfica, outro "incidente" protagonizado por este actor, alá polo 2014, cando en Si, hai saída comezabamos a nosa andaina, e do que nos fixemos eco, cando foi criticado pola súa participación nun vídeoclip do grupo chileno Los Tres, no que se banalizaba a violencia machista, e cuxa letra dicía, entre outras cousas:
"Tráeme la escopeta porque le voy a disparar al amor de mi vida, que me acaba de traicionar.
Le dije mil veces que no me abandonara y ahora su destino lo decido yo".
Nas imaxes que acompañaban tan noxenta letra podía verse ao actor observando un encontro íntimo entre dúas mulleres mentres el desenfundaba unha pistola, aparecendo a continuación as dúas mulleres mortas, e el sentado nunha cadeira de brazos en pose de arrepentimento.
Nesa ocasión o actor pediu desculpas por escrito alegando que non era "moi consciente" do que estaba gravando, ollo!, non de ter participado no videoclip, que, por certo, xa me explicará, primeiro, como se come iso de que aparezas nun videoclip sen ser consciente do que gravas; é coma se di que está a rodar unha película sen ler o guión ou sen saber de que vai, e, segundo, como alguén que, presuntamente, condena a violencia de xénero con tanta rotundidade como el di facelo, se presta a protagonizalo.
O certo é que a rodaxe dese videoclip fixo que fora vetada a súa participación nun acto contra a violencia de xénero organizado por unha ONG coa que colaboraba desde había anos, quero pensar que por convicción e non por unha cuestión de imaxe, porque, francamente, ante tales comportamentos, non sei que pensar, e as conclusións que saco, a verdade, e con toda a prudencia o digo, non son nada boas.
Non obstante, con posterioridade, a súa imaxe de novo apareceu en diversas campañas contra a violencia machista, e, unha vez máis, quero pensar que realmente sentía o que predicaba.
Que conste que non estou a acusalo de nada, nin moito menos, pero prefiro aclaralo, porque eu apelídome Rodríguez, non Tosar, e non sería a primeira vez que se lles dá as miñas palabras unha intención totalmente diferente da real, sendo totalmente distorsionadas.
Sinxelamente me limito a expoñer uns feitos reais, que a min,persoalmente, me convidan a reflexión.
Pero o que máis chama a miña atención, e non para ben, é que, ante esas declaracións de Luis Tosar, nas que semella deixar claro que o autocontrol non é o seu, o silencio é absoluto. Nada se comentou, ninguén se fixo eco...
Imaxinemos por un só momento que, en vez de partir del, as fai calquera outra persoa.
Mi madriña! As redes xa estarían botando fume, as condenas desde diversos eidos xa terían aparecido e, por suposto, xa sabemos de que o terían acusado, pero, ai amigos!, cando o que solta tal "perla" é Luis Tosar, a cousa cambia.
Nada hai que dicir. Corramos un tupido velo, que a un señor famoso coma el nada se lle pode criticar, nin de nada se lle pode pedir contas.
É máis, imos rirlle a graza!
Que quede claro que nada teño nin a favor nin en contra de Luis Tosar, nin sequera como actor.
Non podo nin discrepar nin concordar con esa fama de excelencia que lle outorgan, porque, francamente, non sigo a súa carreira, nin tampouco me considero capacitada para facer tales valoracións.
E o mesmo diría, por suposto, de calquera outro actor ou actriz.
Como moito, poderei dicir se me gusta ou non en tal papel.
Avalialo xa é outra cuestión, e non me considero, a diferenza de tanto crítico espontáneo que aparece por todas partes, quen para facelo.
Tampouco, como muller, lle vexo ese atractivo que o fai irresistible para moitas , pero teño que recoñecer que os homes con aspecto de "malotes" nunca espertaron en min esa atracción que se supón adoitan exercer sobre unha boa parte do sexo feminino, ou iso din moitos, e, por outra banda, nunca fun mitómana, as cousas como son.
Obviamente, non son cega, e se vexo un actor ou calquera outro artista atractivo, non me desagrada, pero sempre me chamaron a atención os homes normaliños, dos que podo atopar tomando un café ao meu carón ou mercando o xornal, para entendernos.
Os famosos nunca foron a miña debilidade.
De feito, se non chegara, no seu momento, a ver a película "Te doy mis ojos", algo que fixen, creo recordar, en tres ocasións, dúas por iniciativa propia e unha terceira nun curso de formación en violencia de xénero, na que Tosar interpretaba maxistralmente a un maltratador, algo do que, por desgraza, podo dar fe, creo que nunca tería reparado neste señor, para que vou mentir.
En calquera caso, e retomando o tema co que iniciei este artigo, non me cabe na cabeza que, ante un titular no que alguén recoñece ter maltratado a un neno, porque iso é o que fixo, maltratalo, por moito que o adorne con iso de que "perdeu os papeis", que xa é malo abondo, cando todo sabemos e temos comprobado que, en non poucas ocasións, por bastante menos, teñen saltado chispas, ninguén diga nin media palabra, pero claro, se o di Luis Tosar, aquí non pasou nada.
Todos, especialmente os que somos pais ou nais, sabemos que os nenos, nun momento dado, por moi encantadores que sexan e por moitos que nos gusten, poden resultar exasperantes, poñendo os nosos nervios a proba, e que se nos pode escapar algún que outro berro, ou mesmo un azoute, pero disto a agarralos polo pescozo do xeito que el di, media un treito, creo eu, pero claro, xa se sabe, para os famosos as normas son outras, e todo se lles desculpa se gozan do favor do público, mesmo a violencia.
E hai algo máis que queda moi claro, o tempo pasa, din que as cousas melloran , que están cambiando, pero, se hai algo que non cambia, lamentablemente, son as múltiples variñas de medir polas que se rixe esta sociedade nosa que cada vez deixa máis que desexar, e, unha vez máis, queda demostrado.