Marta Rodríguez Engroba
O drama dos "aristocornos"
E, nese pouco digno estado, porque supoño que ten que ser para verme, as cousas como son, me atopaba o pasado Domingo, cando, de súpeto, volvín a terra crendo que, de puro apampamento, levaba un bo rato dándolle a mesma tecla, porque sempre me saía o mesmo, e que, ademais, algo grave acontecera, porque escoitaba frases como "os familiares están chegando para arroupala", "durante todo o día de hoxe permaneceu pechada no domicilio de súa nai, desfeita, chorando sen parar", "as mostras de apoio sucedéronse durante toda a xornada", "seguiremos agardando diante do domicilio para informar de calquera novidade que puidera suceder", ao mesmo tempo que se vían as típicas imaxes en caso de desgraza, de moreas de xornalistas facendo garda diante dun portal, e coches chegando, aos cales perseguían na procura dunhas declaracións de quen fora que viaxara no seu interior.
Pensei, como digo, que, por algún estraño fenómeno, ficara na mesma canle, e que, como mínimo, alguén morrera, polo que, xa máis ou menos despexada, e, dado que, nos tempos que corren, lamentablemente, calquera cousa se pode agardar, decidín prestar atención, e, oh, sorpresa!, a boa noticia era que o meu dedo non se quedara atrancado. Por fortuna para min, seguía funcionando con total normalidade.
O que estaba a suceder era que en todas as canles estaban a contarnos o mesmo, e a "desgraza" en cuestión era, nin máis nin menos, a confirmación dunha noticia coa que xa nos levaban dando a roncha desapiadadamente, desde había dous días e que estaba a acaparar titulares, faladoiros, e mesmo minutos de telexornais: A infidelidade do prometido dunha aristócrata, "influencer", "socialité", ou como queira que se lles chame, ao que pillaron in fraganti co carriño do xeado, cando acababan de anunciar o seu compromiso vía redes sociais, faltaría máis!, con foto "pastelosa" incluída, amosando ela o anel que él lle agasallara para pedirlle matrimonio, e destilando ambos amor por todos e cada un dos seus poros.
Abraiante!.
E unha vez máis, unha boa parte deste país noso de pandeireta, ficaba nos sofás seguindo, sen pestanexar, as cuitas sentimentais da marquesiña, e sufrindo por e con ela, porque aquí somos moi de sufrir cos famosos.
Cos que temo ao noso carón, xa é outra cuestión.
En fin.....
A min, francamente, a vida desta señorita non me preocupa nin o máis mínimo, pero, aínda así,podo entender que algunha xente poida entreterse con este tipo de historias, coma que, nun momento dado, cheguen a servir de evasión.
Pois moi ben, alá cada quen, como tamén podo entender que ela, que, ao fin e ao cabo, vive de exhibir a súa vida, expoña de tal xeito algo que, para min debería ser estritamente privado, pero reitero, alá cada quen.
O que xa me preocupa de verdade, e me leva a preguntarme en que clase de sociedade enferma, cada vez máis deshumanizada, nos estamos convertendo, ou xa nos convertemos, é que, nesa mesma fin de semana, na que media España contiña o alento ante a crónica de desamor da marquesiña,que non digo eu que non estivera e estea sufrindo, coma tantos e tantas de nos nalgún momento das nosas vidas, superábamos nesta "empática" España nosa, a tráxica barreira das trinta mulleres asasinadas por mor da violencia machista, tres delas en menos de 24 horas.
A estas mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas, apenas se lles dedicaron uns poucos minutos nos que basicamente, se falou, non delas, se non dos minutos de silencio, e da condena e consternación de veciñanza, políticos e institucións, ademais de amosarnos, naturalmente, as imaxes cos seus xestos compunxidos.
Elas eran mulleres anónimas, e, porén, non venden, nin xeran audiencia, máis ben todo o contrario, ergo non interesa mencionalas, e menos aínda se, como no caso dalgunha delas, si houbera denuncia previa, polo que o mellor era, coma tantas outras veces, correr un tupido velo, e morreu o conto. E canto antes mellor, algo, por outra banda, ben doado.
Comezou unha nova semana na que, coma era de prever, das mulleres asasinadas xa ninguén se lembra, pero o aristocrático serial continúa.
Os asasinatos machistas seguen sen interesar practicamente a ninguén, pero de novo a cidadanía contivo o alento expectante ante a primeira aparición pública da aldraxada noiva nun elegantísimo evento deses nos que cobra unha pasta gansa tan so por deixarse ver e sorrir, ou, neste caso, deixarse ver, se supoñía, cun contrito xesto de dor, en olor de multitudes, mentres os medios se amoreaban na entrada do selecto local onde se ía celebrar, algo que se fixo extensivo tamén aos informativos. Sinxelamente alucinante, os cornos, con perdón, por moi aristocráticos que sexan, nun telexornal!
E non defraudou.
Despois dun intúo que estudado atraso, apareceu, ben protexida, que no seu fráxil estado de ánimo hai que mirar por ela, que ninguén a dane, cun tamén, como o atraso, estudado peiteado deses que parece que estás a sufrir tanto que non pasaches polo salón de peiteado, ben pulidiño, un maquillaxe co que as olleiras se noten o xusto para demostrar que sofres, pero que a vez favoreza....vaia, dos que levan horas, vestida de negro, e cun discurso entrecortado, que moitos atribuirían a dor que, reitero, sentirá, porque terá o seu corazonciño, sen dúbida, e o seu orgullo...supoño, pero que non dista moito do que emprega habitualmente, entre pijo e......escaso, ese dos " o sea.....", "sabesss......?", "Mmmmmm......Eeeee.....", amosou o seu valor para seguir adiante, agradeceu as mostras de apoio, e tamén contou, faltaría máis!, como encaixara "mami" a traizón e posterior ruptura do compromiso.
Das familias, dos seres queridos das mulleres asasinadas, por suposto, non se lembra ninguén, nin moito menos se fala, nin niguén se pregunta como están, .
A quen lle importan? Acaso os coñece alguén, son famosos? Pois iso.
O culebrón da marquesa segue e seguirá adiante, e, de feito, acaparou portadas polas que, obviamente, vai cobrar e ben.
Agora é a quenda das exclusivas, das declaracións e entrevistas da agraviada, do traidor que, con toda probabilidade, entoará o mea culpa e proclamará aos catro ventos o seu amor e que ela, a "pijiaristócrata" é a muller da súa vida, porque hai que facer o posible por recuperar o que, sen dúbida, era un gran negocio, e todo isto facendo ambos caixa, por suposto.
Se os fillos dalgunha das vítimas de violencia machista non teñen nin para comer...mala sorte.
ademais, tampouco chegaremos a sabelo, así que, para que darlle voltas?
máis lamentable, máis triste e máis desprezable, dificilmente pode ser.
Asociación Si, hai saída