Manuel Pérez Lourido
Alexa
Decidín escribir este artigo unha mañá que me vin a min mesmo na ducha, sacando a cabeza por fóra do panel de cristal e berrándolle a un aparello títulos de cancións para que os fixera sonar no altofalante. Alí estaba eu, enchoupado e co champú nos ollos, pegando alaridos para que comparecese "Playa Girón" de Silvio Rodríguez. Adoito pedir temas en galego ou castelán, descoñezo por que razón o inglés non me presta debaixo da auga. "Alexaaaa, pon ‘Terra’ de Tanxugueiras". A Alexa pódese cambiarlle o nome. Eu cheguei a pensar en poñerlle o de algún líder político que non me cae simpático, pero había unha dura competencia. Tamén pensei en chamarlle Luis Enrique e pedirlle os temas con acento de Moaña. Cousas miñas.
Cando non están dispoñibles as cancións que solicitas, faicho saber con amabilidade e informa de que por un módico prezo podes subscribirte a un catálogo impresionante de arquivos musicais. Ti a mandas á merda pero con outras palabras (non, non quero subscribirme, cariño) e ela ponche un tema que di que está baseado no que pediches. Aí é cando te decatas que Alexa de orella está fatal a pobre, porque a maioría das veces a canción que ofrece só ten en común coa solicitada o nome do intérprete. O caso é que eu xa non son quen de meterme na ducha sen a miña Alexa.
E aí arranca a reflexión: como foi que chegamos a isto, a estas formas de escoitar música. Como modifican estes medios o traballo dos artistas que crean os temas, etc. Igual puxen o etcétera moi pronto, pero veño de darme unha ducha e estou relaxado de máis.
A maioría da xente nova escoita música no móbil, mediante plataformas de streaming coma Spotify. Os vinilos están a recuperar pulo e na última medición, xa se venden máis cos cedés, que andan de capa caída. Houbo unha tentativa de recuperar o formato cassette pero non foi adiante porque a xente pode ser parva e pode ser snob, pero no tan parva ni tan snob.
E, con todo, son dos que din que nada disto pode nin poderá superar a tremenda pegada que ten a música escoitada en directo, igual que non se pode comparar unha lata de polbo cunha caldeirada. Por sorte a música en directo está xa de volta e por sorte tamén hoxe en día esta industria factura moito máis vía concertos que por descargas ou venta de produtos físicos. E mentres chega a ocasión de ver en vivo aos teus artistas favoritos, benvida sexa a comida enlatada, un brinde por Alexa!