Carmen Fouces
As verdadeiras heroínas nunca premiadas
Hai un grupo de mulleres valentes, capaces de mudar o inferno en vida e que nunca están nas homenaxes. Non estou a falar das víctimas de violencia de xénero en xeral, senón das víctimas violencia de xénero que denuncian.
Estas mulleres que se enfrontan ao problema, pasan por riba das súas familias e amizades e berran REMATOU!!!
Son o combustible social que máis precisamos, mulleres que desde a peor situación que pode vivir un ser humano, pelexa sen descanso para saír do burato. E só elas saben o que hai que pelexar. Primeiro, a soidade ca que se achegan ao xulgado, a policía ou aos centros de información da muller cargando ca comprensión social dese home amable e simpático que ninguén sospeita o que fai na casa, ou dese home que ten problemas co alcol ou cas drogas, ou dese home que tanto a quere.
Os amaños prexudiciais que barren os dereitos das víctimas son o primeiro atranco. Se chegas á acordo, non hai acreditación de víctima de violencia, e se non chegas, xa se encargarán de facerchas pagar. Recentemente un agresor que recoñeceu os feitos foi declarado inocente despois de que a muller non quixera chegar a acordo. Moitos xuizos se tipifican como faltas e non como violencia de xénero, e decir, como se un señor pasara pola rúa e nos agredira. Non cabe dubida que é moito máis fácil e máis aséptico que manchar as máns a investigar que pasa nesa casa superando o pudor de escoitar relatos íntimos e escabrosos de xentes anónimas sen interese.
Decepciona escoitar cando representantes da xustiza, que nestas datas abundan en numerosos foros, argumentan que a xustiza non pode solucionar un problema que é fundamentalmente social. Aínda non entendo que significa que sexa un problema social xa que se pensamos no narcotráfico ou no terrorismo, é difícil de imaxinar que a xustiza non actúe, e a moita honra, sen medo . Pero é sabido que unha brillante carreira xudicial non sei fai resolvendo pleitos de violencia de xénero e para ser xustos, unha carreira política tampouco. A hipocresía está instalada en todos os bandos e fora das datas institucionais onde ninguén se sae do guión, e denunciamos a unha soa voz a violencia cás mulleres, cando toca falar claro, achicámonos.
Pero volvendo a vós, as valentes. Se hai sorte e a xustiza actúa como se espera, colgades na fronte a vosa acreditación de víctima de violencia e dirixidevos, por exemplo, ao INEM, para solicitar as rendas sociais que vos permitan iniciar unha nova vida. Outra vez atrancos, esta vez burocráticos, que poden dificultar a tramitación, aínda que cumpras con precisión os requisitos que se indican na propia páxina web do INEM. Voltas e máis voltas até dar ca técola. Cambias de cidade e cambias de colexios e outro calvario. A normativa ampara a esas víctimas que pelegrinan ca súa acreditación, máis é posible que alguén lles pida a sinatura do pai para escolarizar ás fillas ou fillos. Desesperación. Outra vez voltas e máis voltas.
Dificultades sociais, xurídicas, laborais, que hai dous anos non pasaban ou polo menos non con tanta intensidade, constatando o importante retroceso nos dereitos das mulleres víctimas de violencia de xénero. Pero o que máis doe é o desinterese. Esta suposta crise deixa unha mensaxe clara que todos os estamentos están a suscribir: hai problemas máis importantes que resolver. Moitos pais de familia están no paro.
ÿ así, esa é a mensaxe. As cuestións domésticas que se amañen dentro da casa como pasou sempre, os recursos públicos debemos destinalos a outros sectores, faltaría máis.
Por todo isto, hoxe máis que nunca as mulleres que dan o paso ao fronte e denuncian, merecen unha homenaxe pola violencia que sufren desde a sociedade, a xustiza, as administracións públicas, a familia e todos os que se sinten con dereito a poñer en dúbida as súas testemuñas e impiden dalgún xeito que se resolva o conflito.
Fixestes o máis difícil que se pode facer, non abandoedes a loita, e se aínda vos quedan forzas, tirade das que seguen no inferno. Por xustiza, merecen o compromiso de todos e de todas.