Tribuna Viva
A Plataforma convoca unha xuntanza o vindeiro luns tras o falecemento dunha paciente no PAC de Baltar
Tras a triste e demoledora noticia da denuncia interposta por un familiar dunha persoa falecida no PAC de Baltar, por negárselle unha ambulancia por parte do 061 ao non presentar un cadro con febre; e como gota que colma o vaso, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo (SOS Sanxenxo), queremos mostrar o noso sentido pésame á familia da falecida, e convocar unha xuntanza o vindeiro luns para valorar a deriva que está a tomar este desmantelamento contínuo da nosa sanidade e a necesidade de trasladar á rúa a necesidade de recuperar a sanidade pública e de calidade que merecemos.
Desde a plataforma consideramos moi grave o feito de que unha persoa morra sen atención sanitaria pese a demandala, porque non existe.
O fatídico día en cuestión, en O Grove, non houbo médico nas 24 horas, de forma que todas xs pacientes de O Grove foron derivadxs ao de Baltar.
Preguntámonos se esta morte se houbera evitado de ter habido asistencia normal no Grove, pois é moi probable que esta persoa fora atendida, incluso no seu domicilio, e activado os protocolos correspondentes, cousa que por teléfono e sen unha valoración in situ é moi difícil de efectuar.
Cando diciamos que os recortes en sanidade matan, por desgraza, non estabamos esaxerando. As contínuas mermas de persoal, peche de PACs, axendas de médicos, tantas veces denunciadas polas distintas asociacións é un caldo de cultivo propicio para que estas desgracias pasen.
Só era cuestión de tempo que se traduciran nunha realidade; pois nada se fixo por parte da Consellería de Sanidade, o Sergas e a propia Xerencia da área Pontevedra-O Salnés cara revertir a preocupante situación na que nos encontramos.
Así que ususarixs, sanitarixs, e demáis persoas deste concello, en breve, desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo, e co apoio doutras organizacións do tecido sanitario e social, levaremos a cabo distintas accións ás que vos animamos a unirvos.
Por unha sanidade pública e de calidade!!
Consello Constitucional Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo (SOS Sanxenxo)