Tribuna Viva
Bueu, naturalmente!!
Vivimos tempos difíciles para o medio ambiente e a biodiversidade, e O Morrazo non escapa deles. A nosa é unha das comarcas máis pequenas de Galicia, e soporta unha grande densidade de poboación, que se multiplica no verán.
Moitas son as dificultades as que se enfronta a preservación do noso patrimonio natural: urbanización desordenada e caótica, proxectos coma parques eólicos ou polígonos industriais, xestión forestal que favoreceu a implantación de especies alóctonas e pirófitas, perda das actividades tradicionais no rural, etc. Difícil parece reverter todas estas tendencias, e mais se a vontade política se queda só en palabras. Aínda mais difícil se esas palabras son directamente mentiras.
Dende a A.M.N. Liboreiro queremos compartir con todos vos o desánimo e a impotencia que certas actuacións levadas a cabo polo Concello de Bueu nos producen, xa que pode ser un bo exemplo deste desprezo polo patrimonio natural.
O día 2 de xullo varios membros de Liboreiro asistimos a presentación do libro “Bueu, naturalmente”, na Aula da Natureza de Cabo Udra, coa presencia como representante do concello de Xosé Leal, Concelleiro de Cultura, Ensino, Medio Ambiente, Mobilidade, Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico do Concello de Bueu.
Na rolda de preguntas, ademais de agradecer aos autores o seu traballo, e ao Concello de Bueu a iniciativa que levou á realización desa obra, plantexámoslle a Xosé Leal, como representante do concello, unha cuestión que nos parecía especialmente relevante, a da necesidade de reflexionar sobre a contradición tremenda de presentar un libro para por en valor o patrimonio natural do concello, e despois atentar contra ese patrimonio coas actuacións municipais.
Nesa intervención puxemos coma exemplo concreto o caso dunha das especies que aparecía no libro, o Equisetum telmateia (rabo de cabalo), un fermosísimo fento que no Morrazo aparece nun noiro no tramo urbano do rio Bispo. Tamén nos constaba que un membro da A.M.N. Liboreiro, Santy Corral, tiña notificado persoalmente ao pe do noiro a varios membros da corporación municipal do Concello do Bueu (incluído o seu alcalde) e a todo o persoal da brigada de obras a presencia desta rara especie no Morrazo e o seu interese.
A súa beleza parece algo evidente mirando a foto que acompaña este texto, da poboación mais preto da que temos coñecemento, a que crece en terreos do Campus Universitario da UVIGO, poboación que está delimitada e sinalizada, nunha zona na que os desbroces se realizan de xeito que non sexan incompatibles co seu desenvolvemento, algo tan sinxelo como levalos a cabo só en certas épocas do ano (Figura 1).
No caso da poboación do Río Bispo, e a pesares de estar nunha zona de noiro, onde en ningún momento interfire co paso, o concello de Bueu a ten arrasado con cortas a ras en anos pasados, sempre ademais coincidindo coa época de desenrolo da especie (Figura 2)
Así, a reflexión trasladada ao concelleiro, ía na liña do estraño e incongruente que resulta considerar e mencionar esta especie como parte do patrimonio natural do concello e despois levar a cabo actuacións que claramente van en contra da súa supervivencia, actuacións ademais de necesidade dubidosa.
Estableceuse nese momento un certo debate, no que a pesares de que xurdiron argumentos que so se poden denominar escusas (descargar a responsabilidade nos subordinados, ou na cesión ao que piden os veciños coma motivación) pareceunos proveitoso e esperanzador. Saimos por tanto do evento con certo optimismo, que pouco durou, cando fai só uns dias puidemos constatar que se volveu rozar a zona, desta vez aínda de xeito mais agresivo, arrasando outra vez a poboación de equisetos, e incluso bidueiros dun certo porte que o mesmo concello plantou fai anos (Figura 3).
Ampararse na mala actuación do persoal que leva a cabo as rozas, ou na equivocada percepción dalgunhas persoas do que é a “limpeza” en sendas fluviais parece aínda menos aceptable, se tan só uns dias despois de comprometerse de palabra diante dos asistentes a un evento coa mellora deste tipo de actuacións, fas o mesmo ou peor. Triste imaxe a dos bidueiros tronzados secando ao sol e os equisetos mutilados. Pero mais triste aínda a pobre imaxe que nos queda da capacidade, coherencia e sinceridade dun representante municipal.
As beiras dos regatos e ríos deben ser tratados con respecto e agarimo, por tratarse de lugares de gran valor ecolóxico, que acubillan moitas especies de flora e fauna, algunhas delas moi sensibles. Tamén son espazos fundamentais dende o punto de vista hidrolóxico, non só para o aporte de auga doce e potable á poboación, senón para previr riadas.
Por outra banda, seleccionar con certo criterio o que é necesario rozar e o que non, ou a época do ano, redundaría en eficiencia (para que perder tempo e recursos se non é necesario, ou por que non dividir os traballos de corta entre distintos períodos do ano, en vez de concentralos en temporadas tan intensivas nas que o persoal non da abasto), e tamén sería un beneficio cara a preservar a biodiversidade da nosa comarca.
No momento actual, é necesario esixir xestores que aprendan dos seus erros, en vez de reincidir neles, e que teñan tamén a decencia de mostrar certa coherencia entre as súas palabras e os seus actos. No Morrazo hai sociedade civil comprometida coa conservación do patrimonio (natural, cultural...), coa que se pode establecer un diálogo e incluso realizar consultas. Iso é ter criterio e ter sensibilidade, e fortalecer a democracia nunha sociedade informada. Non querer escoitar, ou aínda peor, simular que escoitas e concordas, pero demostrar cos teus actos que non o fas, é tan cuestionable coma lamentable.
***Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro de Bueu.